Opinión

Treboada de sal

  De súpeto caeu unha chuvia intensa. Viña acompañada do mellor dos ventos, o das emocións. Deixaba tras de si o son de tambores e bombós. Ese son ancestral das treboadas que nos lembra que o futuro está dentro de nós. Hoxe comezamos cunha treboada. Despois viron as risas, as palabras, os aplausos, as bagoas, as apertas, os desexos, as ilusións, a respiración contida e a respiración espida.

De súpeto caeu unha chuvia intensa. Viña acompañada do mellor dos ventos, o das emocións. Deixaba tras de si o son de tambores e bombós. Ese son ancestral das treboadas que nos lembra que o futuro está dentro de nós.

Hoxe comezamos cunha treboada. Despois viron as risas, as palabras, os aplausos, as bagoas, as apertas, os desexos, as ilusións, a respiración contida e a respiración espida. As palabras, que poucas veces deixan entrever a súa natureza máxica, hoxe foron portadoras da forza dunha nación que non se rende. O seu cometido transcendía a presentar un programa electoral, transcendía a presentar a unha forza política. Hoxe tiñan unha misión: eran as representantes de vontades anónimas que durante anos e décadas foron construíndo o soño e a esperanza dun futuro para Galiza. Ser palabra para ser nación. Ser vontade para transformar.

Choveron discursos e desbordaron os regatos. Xa nada podía conter os sentimentos de recoñecérmonos como parte dun proxecto colectivo. Proxecto que como as redes dos peiraos precisa de moitas mans que anuden cada día os fíos. Que aperten con forza as miles de xuntas que temperan do todo. Coas redes a bordo a nave pode faenar e na voz Aymerich: “navegar, para como os mariñeiros, voltar a casa”. Faenar por Galiza, bogando. As augas son bravas, cheas de remuiños que engulen dereitos e liberdades. Só deixan paro e desesperación, manda a nosa mocidade á emigración. Pretenden escribir o epitafio da nosa cultura eliminando a nosa lingua.

Sentada no escenario vin a nave chea de mariñeiros e mariñeiras. Compañeiras e compañeiros que nos falaron dunha Galiza con problemas mais tamén con posibilidades e esperanzas. Con gañas de seguir existindo. Porque como dixo Guillerme: “O bng está vivo e está aqui”.

Está con Jorquera. Sabedor este de que o traballo é sempre a mellor carta de presentación, dedicou o seu tempo a afortalar os mastros da Soberanía, a Democracia e o Traballo. Co vento a favor ou en contra continuaremos a presentar as nosas alternativas a un goberno que non ten o país na cabeza nin no corazón. Banca pública, reforma fiscal, supresión das deputacións ou defensa da sanidade e o ensino público son retos que nos comprometen e nos sustentan.

Temos rumbo, sabemos que en bloque podemos e queremos afrontar todas as tempestades de sal cantando con Sés:

Mais aínda seguimos aquí, a aturar tempestades de sal

resistindo....

… compañeiras nos soños do alén unha illa no medio do mar

que ilumine o loito máis negro

que esquece o desterro e o medo a loitar

 

Comentarios