Opinión

Tratado UE-EUA: máis globalización, menos democracia

Os poderes transnacionais, que son os que gobernan o mundo, non descansan e queren máis.

Os poderes transnacionais, que son os que gobernan o mundo, non descansan e queren máis. A actual crise obrígaos a procuraren novas fontes de lucro, de maximación dos beneficios, porque esa é a lóxica do sistema capitalista. Esta é a motivación básica que move as elites económicas e políticas dos EUA e da Unión Europea a negociaren un tratado de libre comercio entre estes dous super-poderes. Non pensemos, con todo, que é unha relación entre iguais. Continúa sendo Washington, embora declinante, o maior imperio no planeta. Cos republicanos a gañaren terreo fronte á un Obama que está hoxe a anos luz das expectativas criadas no seu día, os EUA achan que teñen máis a gañar que unha UE desequilibrada, coa periferia a sofrer unha enorme deterioración da súa base produtiva, con Franza sen se achar a si mesma e con Berlín ao mando.

Do punto de vista da Galiza, o tratado de libre comercio UE-EUA sería unha traxedia

Se hai algo que caracteriza os procesos de globalización neoliberal -e este sería o seu culmen- é o seu carácter antidemocrático. Son resultados de procesos que non se verifican ante o público e que non son controlados por ningunha institución electa polos distintos pobos. Escurantistas e secretistas, as negociacións fanse de costas viradas ás distintas nacións -Galiza entre elas- que si se verán atinxidas polas súas consecuencias. Nunca traen os tratados de libre comercio boas noticias para as maiorías sociais e si funestas secuelas en forma de novos golpes ás condicións de vida e aos dereitos das clases populares. E como iso é obxectivamente así, estes asuntos non se debaten en presenza cidadanía. Simplemente impóñense. Como no seu día a reforma exprés da Constitución española perpetrada polas agora declinantes forzas do bipartidismo español.

Do punto de vista da Galiza, o tratado de libre comercio sería unha traxedia. Sen poder político propio, continuaría o proceso de entrega e de baleiramento da nosa base produtiva e material -tamén a humana, velaí o galopante retroceso demográfico-, sen dispormos de ningunha ferramenta para defendérmonos.

O debate social é, portanto, urxente. Sermos Galiza porá o seu grao de area visando socializar argumentos e dados sobre o que hai en xogo. Que é moito. Mais cómpre que a sociedade reaxa.

Comentarios