Opinión

Tranqui, Mariano, Feijóo cre en ti

A ver, xa está, non te preocupes, tranqui, Mariano, nunca choveu que non escampara e, alén do máis, Feijóo cre en ti, díxoo hoxe enfaticamente. Eu creo en Rajoy. Un auto de fe en boca dun político non debería significar nada nun Estado democrático avanzado, mas así andamos.

A ver, xa está, non te preocupes, tranqui, Mariano, nunca choveu que non escampara e, alén do máis, Feijóo cre en ti, díxoo hoxe enfaticamente. Eu creo en Rajoy. Un auto de fe en boca dun político non debería significar nada nun Estado democrático avanzado, mas así andamos. Xa sei que hai algúns flocos que terás de esclarecer, pequenas diferenzas entre o que declarache ao Congreso e o que logo comunicache a Facenda, miúnzas, sen dúbida, que son 83.000 euros para un rexistador da propiedade?, mas acouga, tes o fundamental, tes o apoio de Alberto, el aválate, Esperanza abálate con B, con B de contabilidade B, mas o apoio de Alberto e o da imprensa amiga é moito apoio, dirás ti que da imprensa inimiga (ese levantisco Jiménez Losantos, ese Pedro Jota) a ver quen te libra, mas ninguén dixo nunca que fose ser doado isto da política ao máis alto nível, olla onde está Zapatero ou Blair ou Berlusconi ou Sarkozy, que ninguén se libra, nin a babor nin a estribor.

Feijóo vai de césar imperator e di que cre en ti.

Home, que un subordinado teu diga que cre en ti debería ser o normal, non Mariano?

Algo raro pasa cando se vende o normal como extraordinario. Algo tan raro como que quizá che queden dous telexornais, Mariano.

PD: claro que, ben pensado, eu de ti non me fiaría moito, Mariano, Feijóo di que cre en ti, mas non tanto en Ana Mato e ti si que puxeche a man no lume pola túa ministra, aquí ninguén quer meter a zoca máis da conta, coídate dos idus de marzo, Mariano, que talvez Alberto xa ande a xogar con dúas barallas.

Comentarios