Opinión

Traballando para a desigualdade universal

Que somos un animal é algo indiscutible. Pero que non somos coma os outros bechos que poboan o planeta, tamén. E non vou dicir que o que nos separa do resto dos seres vivos é a racionalidade. En absoluto. Mirade o comportamento dos responsables policiais cando as manifestacións de setembro e xa teredes claro que non. Ou reparade na maneira de andar polo mundo dos seareiros dos clubes de fútbol e xa está.

Que somos un animal é algo indiscutible. Pero que non somos coma os outros bechos que poboan o planeta, tamén. E non vou dicir que o que nos separa do resto dos seres vivos é a racionalidade. En absoluto. Mirade o comportamento dos responsables policiais cando as manifestacións de setembro e xa teredes claro que non. Ou reparade na maneira de andar polo mundo dos seareiros dos clubes de fútbol e xa está. En absoluto e para nada é a racionalidade o que nos distingue. Freud, Nietzsche, Darwin e outros filósofos da sospeita xa nos aprenderon que o que nos move non é a cabeza senón a pura paixón, os instintos máis primitivos, as pulsións máis básicas.

Mais sendo iso certo, non o é menos o feito de que esa animalidade, ese primitivismo natural que nos vén dado polo feito de non pode evitar tentar sobrevivir (o que Spinoza chamou conatus) pode tamén ser controlado, minimizado e reprimido. E grazas a iso, en troques de exterminar aos máis febles, coidámolos, en troques de sacarnos do medio aos vellos, loitamos pola dignidade da súa vida, en vez de deixar aos máis necesitados á súa sorte, promovemos o seu coidado.
Daquela, vencemos o noso egoísmo natural en favor da solidariedade, a xustiza e o deseño dun mundo mellor avaliable en termos de humanidade.
Por iso, a igualdade, a democracia, a sanidade universal, a educación para todas e para todos, a promoción e coidado dos necesitados por calquera motivo é o que nos afasta da animalidade e, xa que logo, o que nos dá humanidade.
Isto é importante lembralo. Porque os que nos gobernan están facendo todo o posible por cargarse todas e cada unha das ferramentas que a sociedade foi quen de deseñar ao longo dos séculos para que todos e todas vivamos nun mundo máis humano. Cárganse a sanidade gratuíta (quen a queira sen listas de espera, que a pague). Daquela, fomentan a desigualdade: uns poderanse curar, outros non. Cárganse a educación gratuíta (quen a queira completa, cun número normal de alumnos por aula, con complementos e actividades, que a pague). Daquela, fomentan a desigualdade: uns chegarán alto, os outros, limparán as súas piscinas.
E así con todo.
Traballando para a desigualdade universal.