Opinión

Totalitarismos á volta da esquina

Saíu o señor Rajoy a tribuna do Congreso cheo de papeis. Debullou recorte tras recorte como quen enumera os ingredentes dunha paella. O grupo parlamentario do PP aplaudía con entusiasmo. Dun xeito tan grotesco que coido que só as filas populares son quen de bater palmas con alegría en tales circunstancias. Só faltaba Esperanza Aguirre gritando “torero” cos colores do orgullo patrio nas meixelas.

Saíu o señor Rajoy a tribuna do Congreso cheo de papeis. Debullou recorte tras recorte como quen enumera os ingredentes dunha paella. O grupo parlamentario do PP aplaudía con entusiasmo. Dun xeito tan grotesco que coido que só as filas populares son quen de bater palmas con alegría en tales circunstancias. Só faltaba Esperanza Aguirre gritando “torero” cos colores do orgullo patrio nas meixelas.

De todo o dito nunha xornada difícil de esquecer para os e as desempregados, para as e os funcionarios, para os comerciantes, para os que están pensando nos libros de texto do próximo curso, para os estudantes, difícil de esquecer para todos e todas hai unha frase que hoxe quero destacar. A apelación ao interese xeral logo de aplicar o credo neoliberal de máximos. Todo un plan deseñado para poñer a soga no pescozo dos máis débiles, anmistiar aos poderosos e iniciar unha nova arquitectura do estado.

As clases máis baixas están escorregando cara a pobreza dun xeito alarmante. Non temos que ler as frías estadísticas sobre a pauperrización da vida, chega con dar unha volta polas cidades galegas e comprobar como a miseria ten rostro e aflora en cada rúa. De xeito parello as clases medias sofren un proceso similar. Perden a súa capacidade adquisitiva a tanta velocidade que fican completamente paralizadas tentando que a soga non aperte máis. Tristemente o nó seguira até o estrangulamento final, a non ser que consigan reaxir. Neste momento só a acción pode ser o patrón de pensamento.

Os poderosos, termo co que pretendo incluír a ese escaso porcentaxe de poboación que desde o anonimato interesado move fondos de inversión e outros instrumentos de poder do capitalismo tecnolóxico, simplemente asenten. A súa presión fiscal non se incrementa e a posibilidade de branquear capitais é de curso legal. Se cadra tamén repiten a insigne frase da deputada popular Fabra sobre os desempregados.

E neste rio revolto Rajoy decide máis deputacións e menos concellos. Decide reforzar organismos caducos onde os representantes non son votados directamente pola cidadanía. Decide menos grupos políticos críticos nas corporacións e máis bipartidismo. Suprimindo as deputacións aforraríanse 7.000 millóns de euros, cos recortes nos concellos non se chegará nin a terceira parte. Primar as deputacións é voltar a un modelo do pasado centralista onde até as anoréxicas autonomías sobran. Sen benestar e sen autogoberno para as nacións. Por iso, mais que nova deberíamos dicir unha arquitectura rancia do pasado co verniz das teorías económicas da Escola de Chicago.

Interese xeral ou ben común son termos da política clásica sen sentido hoxe. Só temos un modelo de economía especulativa librando unha terceira guerra mundial contra as persoas. Acabamos de ver como o sistema financeiro non é garantía de nada, só do enriquecemento duns poucos. Salvar a banca para destruír as persoas é a proposta do goberno de Rajoy. Feijóo asume e cala. Que pode dicir? Fai tres anos que el mesmo aplica en Galiza a política de recortar para conseguir máis paro e máis débeda. Sobre a inxustiza non hai interese común, só o preámbulo para os totalitarismos.

Comentarios