Opinión

Tormentas parlamentares

A tormentosa semana que ameazaba a estabilidade institucional do Parlamento de Galicia, descargou con forza o seu aparato eléctrico a modo de vergoñenta confrontación entre o racional e a ignominia.Os incidentes acaecidos na cámara galega, combinan unha fórmula con efectos devastadores sobre unha institución fundamental para o autogoberno galego.

A tormentosa semana que ameazaba a estabilidade institucional do Parlamento de Galicia, descargou con forza o seu aparato eléctrico a modo de vergoñenta confrontación entre o racional e a ignominia.

Os incidentes acaecidos na cámara galega, combinan unha fórmula con efectos devastadores sobre unha institución fundamental para o autogoberno galego. Por un lado vetos aos cidadáns case de tenor protofascista, até espectáculos de representantes públicos moi por riba do nivel de ego admisible en alguén que pretendendo representar ao pobo, amosa serias dificultades para pode representarse a si mesmo. A presidenta da cámara, Pilar Rojo, da que un só ten referencias persoais positivas, comete o erro terrible de aplicar ideoloxía entroques de buscar consensos. Vetar a entrada aos cidadáns na cámara que os representa, non é máis que unha demostración de déficit democrático non asumible, por moito que o regulamento contemple esa posibilidade. O lóxico sería a sanción correspondente aos grupos que convidan aos potenciais infractores dende a tribuna da institución, mais nunca pechar a casa do pobo aos cidadáns.

"Vetar a entrada aos cidadáns na cámara que os representa, non é máis que unha demostración de déficit democrático non asumible"

Por outra banda, tamén é xusto recoñecer que o Parlamento non se pode transformar nun ágora no que as reivindicacións sociais, por xustas que estas sexan, se transformen reiteradamente nun caos en canto as formas. Este tipo de actitudes dan argumentos a aqueles que buscan coas súas decisións que a nosa institución pase á categoría de “prescindible”, fronte a modelos de Estado nos que o fascismo imperante nos corazóns de algúns atope mellor acomodo; como non é normal nin admisible que algúns deputados obsesionados por fotos nas que esconder a súa mediocridade, suban a tribuna a berrar consignas que en pura lóxica deben defender dende os escanos para os que foron escollidos.

Sen dúbida a medida da oposición de abandonar o pleno en sinal de protesta, é acaída para a decisión antidemocrática de pechar o “Horreo” aos cidadáns, mais o que non pode ser é a utilización da dor destes para establecer accións apócrifas por parte de deputados que non está á altura dos seus cargos. Ao Parlamento vaise a traballar polo futuro deste país como reflicten os datos de iniciativas do BNG e do PSdeG, e non a montar shows mediáticos para os que semellan estar programados outros.

O máis preocupante é pensar que este tipo actitudes empecen precisamente na nosa terra, aínda que teñan en conta que as borrascas sempre entran polo noroeste…

Ou non?

Comentarios