Opinión

Tomar a iniciativa

Existen xa dúas liñas máis clarificadas no noso País entre os que apostan por engordar unha alternativa no marco do estado español liderada por IU e os que apostan por seguir traballando na auto-organización do noso povo a todos os niveis.

Após as eleccións autonómicas de 2012, as organizacións políticas situadas no campo da esquerda e o nacionalismo definen e debaten o camiño a percorrer neste ciclo político. Un ciclo caracterizado polo agravamento da crise económica, a fonda crise social e o afloramento de novas manifestacións de crise política do estado español. Unha crise política a nivel institucional (xefatura do estado -casa real-, sistema de partidos -bipartidismo-, corrupción e nepotismo de élites políticas e funcionariais...) e outra a nivel territorial, con Catalunya definindo unha folla de ruta cara a independencia, a hexemonía nacionalista en Euskal Herria e a vontade renovada de milleiros de nacionalistas galegos de camiñar cara á independencia do noso País e á creación dun estado en forma de República Galega.

É certo que Galiza está lonxe das maiorías nacionalistas de Catalunya e Euskal Herria. A maioría absoluta do PP no Parlamento galego ben o deixa ver. Esta situación deixa ao resto de grupos políticos practicamente sen capacidade lexislativa. Así que non podemos agardar nada nesta lexislatura dese “Parlamento de cartón”. Será noticia para enterarnos de máis recortes aos nosos dereitos e de algún que outro episodio de teatro político. 

A combinación das múltiplas crises que atravesamos estase a traducir en sectores en aumento da cidadanía nunha deslexitimación do actual status quo. Deslexitimación que se produce entendo o actual status quo en tanto que élites económicas que se lucran empobrecendo a maioría (estrutura) como na súa formulación xurídico-política concreta (a superesturura, a UE e o Reino de España: as institucións). Agora ben, outra cousa é traducir este “mínimo común” en saídas políticas concretas. O vello debate entre reforma e ruptura democrática e o marco de discusión política volve a pórse na mesa. E os partidos ou organizacións políticas debaten e procuran as alianzas precisas.

"Existen xa dúas liñas máis clarificadas no noso País entre os que apostan por engordar unha alternativa no marco do estado español liderada por IU e os que apostan por seguir traballando na auto-organización do noso povo a todos os niveis".

Porque se ben é certo que hoxe as portas para o cambio político e social están pechadas á vista do inmenso poder institucional do PP, o agravamento das crises está a facer moito dano ao PP (xunto co PSOE) e á lexitimade do aparello institucional. Os partidos dinásticos, chamados a gobernar o estado español en alternancia, están no momento de maior descrédito e menor apoio desta II Restauración. E a xefatura do estado, a monarquía, deixou de ser tabú até para os cortesanos. 

As hipotéticas alternativas no sistema político español ante a caída de PP-PSOE? IU e UpyD. Non é previsíbel unha simple “sustitución” mais si bastante probábel un “sistema a catro” partidos (incluso con sorpasso de IU ao PSOE). Poderían acordar un proceso de reforma? Poderían. Poderían chegar até un modelo federal? Poderían. Renunciarían ao unionismo español abrindo ás portas á creación de estados independentes nas nacións que así o desexen? Non é probábel. Nunca concebido desde ese esquema. Se vén a república ou monarquía federal española será por pacto; e polo tanto reforma, entre os “dinásticos” e os “emerxentes” que farán da reforma constitucional o seu programa.

Porque se vén a ruptura democrática; é dicir, un hipotético proceso constituinte, tal e como debate e propaga certa esquerda española; daquela non hai gradualismos: é constituinte. Só hai suxeitos de soberanía. Dito noutras palabras: se a saída á II Restauración pasa pola ruptura, os povos do estado español teñen dereito inalienábel a configurarse como suxeitos políticos soberanos e polo tanto independentes, mesmo para decidir a súa relación de interdependencia con outros povos. Só existe a política daquela: a soberanista ou a federalista, no seu caso.

Tamén pode haber estoupidos sociais ou revoltas. Mais o estado conserva en forma os métodos de represión. E finalmente pode pasar que non pase nada e o estado español busque a inmutabilidade perpetuando o actual réxime. Coroar a Felipe VI o día que toque e pechar calquera vía ás solucións democráticas do noso povo e outros povos irmáns e ás capas obreiras e populares.

En definitiva, o camiño que pretende percorrer a esquerda federal española pasa pola reforma e pacto coas élites políticas e económicas actuais. Porque se a dinámica da esquerda federal española levara a un proceso constituínte, covirte ás nacións en suxeitos de soberanía, se é democrático.

Existe polo tanto, unha outra liña de ruptura democrática coa II Restauración: a dinámica das nacións que está dentro do marco xurídico-político español: fundamentalmente Galiza, Euskal Herria e Països Catalans (e outras máis febles: Canarias...). Que dúbida cabe que mediante os procesos soberanistas nas nosas nacións vén a ruptura do esquema constitucional!

O proceso soberanista na Galiza é certo que está “verde”; precisa madurecer. Mais a nación e as clases populares non somos nada en sí. Só no artellamento do movemento soberanista e polo tanto desenvolvendo un Proceso de liberación nacional existiremos para sí. O Proceso constrúese con forzas auto-organizadas que son as únicas que desenvolvendoo até conquerir unha maioría da cidadanía estabelece o proceso democrático para conquerir o novo estado.

"Esas eleccións europeas permitirán ao nacionalismo e soberanismo galego visibilizar unha alianza, no seu caso, coas esquerdas soberanistas bascas e catalás cun programa en defensa da soberanía dos nosos povos"

Existen xa dúas liñas máis clarificadas no noso País entre os que apostan por engordar unha alternativa no marco do estado español liderada por IU e os que apostan por seguir traballando na auto-organización do noso povo a todos os niveis. É certo que hai contradiccións, que os bloques político-sociais a este nível non son tan claros. Mais non é intelectualmente honesto dicir (como alguén dixo) que federalismo e nacionalismo “non se diferencia sustancialmente en nada”. Os bloques vanse perfilando e poden ter outra vez expresión nas eleccións europeas.

Esas eleccións europeas permitirán ao nacionalismo e soberanismo galego visibilizar unha alianza, no seu caso, coas esquerdas soberanistas bascas e catalás cun programa en defensa da soberanía dos nosos povos, o dereito a decidir democraticamente e o combate das medidas de austeridade e as políticas económicas da UE. 

No inmediato, tomar a iniciativa política formulando saídas políticas no seo da sociedade civil. Coordinar loitas, unir reivindicacións e concretalas en solucións políticas: a ruptura democrática mediante o empoderamento do noso povo. O proceso de liberación nacional...


 

Comentarios