Opinión

Tomadura de posesión

O sábado pasado Alberto Núñez Feijoo volveu tomar posesión como presidente da Xunta. Desta volta a cerimonia levouse a cabo a porta pechada, polo que non houbo na Praza do Obradoiro a celebración multitudinaria á que nos tiñan afeitos.

O sábado pasado Alberto Núñez Feijoo volveu tomar posesión como presidente da Xunta. Desta volta a cerimonia levouse a cabo a porta pechada, polo que non houbo na Praza do Obradoiro a celebración multitudinaria á que nos tiñan afeitos. Díxose que se debía a que estamos a pasar por unha época de aforro, mais eu dou en pensar que quizais máis ben se debeu ao medo de que o acto puidese resultar boicoteado, dada a cantidade de xente que cada día está máis cansa das políticas antipopulares que están a levar os gobernos do PP que nos tocaron en graza.

Viaxaba eu no meu coche e os noticiarios da radio informaban do acto. A imaxe non podía ser máis gráfica: un máis que nutrido grupo de afectados polo intolerábel timo das preferentes manifestábanse diante do Pazo do Hórreo baixo a estreita vixilancia dos antidisturbios,mentres no interior da sede parlamentar un grupo considerabelmente máis pequeno de xente asistía aos discursos de Núñez Feijóo (en calidade de presidentiño que case chora de emoción) e Soraya Sáenz de Santamaría (en calidade de vicerraíña pepeira). Integraban o público presente todos aqueles e todas aquelas que dentro do PP teñen algún cargo público ou aspiran a telo.

Desexo amosar o meu agradecemento público a todos o deputados e deputadas da oposición que non asistiron ao acto, porque estamos a vivir un momento no que non se pode andar con mediar tintas: ou se está cos que recortan e practican políticas que fan descender a calidade de vida da cidadanía, cos que intentan acabar coa sanidade e a educación públicas, cos que pretenden esmagar todo os nosos sinais de identidade (empezando pola lingua e seguindo por calquera trazo de cultura), cos que están a levar á quebra absoluta todos os nosos sectores produtivos… ou se está co pobo, con ese pobo que sofre, con ese pobo timado pola banca e polas mentiras dos malos gobernantes.

O presidentiño rematou as súas palabras cun estribillo que agora lle deu por usar como remate de todo canto di: “Galicia, Galicia, Galicia”, que soa coma unha gargallada finxida. No seu discurso, e tamén no de Soraya a vicerraíña, loas á unidade de España (“prietas las filas”), ás “políticas de austeridade” (léase asalto e soubo á cidadanía), ao famoso déficit cero (a nota que eu lles dou como gobernantes) e hipócritas mensaxes de esperanza (léase inmensa tomadura de pelo).

Quizais esa sexa a expresión que mellor define o acto do pasado sábado no Pazo do Hórreo. Non foi unha toma de posesión. Foi unha solemne tomadura de pelo. Teremos que falar de agora en diante de “tomadura de posesión” de Núñez Feijóo?

Dados os tempos que corren maldita sexa a graza que tivo o acto!

Comentarios