Opinión

Todo vale

Non coñezo nin aos mozos detidos na operación contra o “terrorismo independentista” na pasada fin de semana nin ao alcalde de Ourense, tampouco podo dicir se son culpábeis ou inocentes, e quen me coñeza sabe que as miñas inclinacións políticas pouco teñen a ver nin con un nin cos outros, pero non é preciso ser un grande analista da realidade para se decatar de que unha e outra operación policiais teñen

Non coñezo nin aos mozos detidos na operación contra o “terrorismo independentista” na pasada fin de semana nin ao alcalde de Ourense, tampouco podo dicir se son culpábeis ou inocentes, e quen me coñeza sabe que as miñas inclinacións políticas pouco teñen a ver nin con un nin cos outros, pero non é preciso ser un grande analista da realidade para se decatar de que unha e outra operación policiais teñen un nexo común.

Ese nexo común é o todo vale con tal de manternos no poder que o PP emprega desde hai moito tempo, fíxoo en 2009 sacando a pasear fotos e dossiers a meirande parte das veces inventados ou manipulados convenientemente para que provocaran nun sector da sociedade o cabreo e a desazón, extendendo a idea de que ao final tamén os outros eran corruptos, delincuentes, etc…E algo semellante podemos comprobar coa actuación diaria dese partido nos distintos concellos do país, dá igual desprestixiar a alguén diante dos seus veciños sabendo á mantenta que se está mentindo pois o obxectivo é claro; buscan que a xente considere que todos son iguais , que non hai posibilidade de contar cuns gobernantes decentes e que non paga a pena comprometerse politicamente, de xeito que como me dicía hai anos alguén “…xa sei que estes son uns ladróns pero prefiro que gobernen eles porque xa teñen os bolsillos cheos, é que se veñen os outros van roubar máis porque aínda teñen que enchelos”.

Non me dá mágoa a actuación deles senón a de todos aqueles que buscan aproveitarse desa campaña suxa procurando levar a auga ao seu muíño e dan golpes de peito reivindicándose como os únicos puros da política galega, puros fronte a un suposto establismenth ou a unha suposta “troika interna”; a todos eses xa os caracterizou axeitadamente Lenin hai un século e verdadeiramente non deixan de ser pequeno-burgueses radicalizados en busca dun lugar ao sol do poder ou que cumpren perfectamente o seu papel ou enfants terribles que as veces poden ser molestos pero nunca resultan perigosos ao sistema.

Isto non fixo máis que empezar e para algúns todo vale, así que se un día abrides un xornal e atopades a foto dun coñecido que entra esposado nun furgón policial non vos preocupedes, probabelmente sexa só propaganda electoral.