Opinión

To be or not to be: that is the question!

Aínda a risco de facer unha utilización oportunista da célebre pergunta hamletiana, que desenvolve un moi outro sentido ao que eu lle quero dar, no seu coñecido monólogo do Acto Terceiro da obra de Shakespeare, velaí, para nós, galegas e galegos de hoxe, o dilema: ser ou non ser; sermos o que somos, por nacencia e por vivencia, por historia e por cultura, por lingua e por economía, sermos galegas e galegos e querermos exteriorizalo ou

Aínda a risco de facer unha utilización oportunista da célebre pergunta hamletiana, que desenvolve un moi outro sentido ao que eu lle quero dar, no seu coñecido monólogo do Acto Terceiro da obra de Shakespeare, velaí, para nós, galegas e galegos de hoxe, o dilema: ser ou non ser; sermos o que somos, por nacencia e por vivencia, por historia e por cultura, por lingua e por economía, sermos galegas e galegos e querermos exteriorizalo ou conformármonos coa galeguidade permitida, coa galeguidade a tempo parcial. Aínda citarei -porque veñen ao caso- máis palabras do ilustre dramaturgo inglés, postas en boca do seu heroi, Hamlet. Fala el -embora, como dixen, cunha outra finalidade- da “inxuria do opresor”, da “afrenta do soberbio” e das “insolencias do poder”.

De todo isto sabe ben a historia contemporánea da Galiza e, ante isto, dúas posicións, grosso modo, se abriron paso: unha, a da resignación; unha outra, a contraria, a da reasignación. Ou conformámonos co que se nos oferecía, autodesprezo incluído, ou apontámonos ao inconformismo e á construción do noso perfil proprio. Claro está que entre o servizo descarado ao amo e o servizo traballoso á nación, inzou, como non, a lóxica pactista, de longa e ampla tradición entre nós. É a que, en definición de Ramón Piñeiro, pasaba por definírmonos como bioloxicamente galegos, historicamente españois e culturalmente europeus. Tal escisión é mesmamente a que combateu -con obra de pensamento, con obra poético-literaria, con obra artística, con obra política- o conxunto de artífices cualificados da significación e da dignificación da Galiza, do XIX a hoxe.

Galegas e galegos a tempo completo; sen reservas; sen oracións adversativas; coa mellor vontade pacífica e pacifista para con todos os outros povos do mundo, mais, pola mesma, sen permitir inxerencias alleas no que constitúe a cerna das nosas decisións.

De aquí vimos e a esta diacronía coido que se afilia esta magnífica iniciativa, que, non por casualidade, chámase SERMOS GALIZA: a cuarta persoa gramatical, o nós (e, aínda, se quixermos, o nosoutras e o nosoutros), unida ao nome da nación. Tamén non por casualidade lembra o título lapidario de Castelao, Sempre en Galiza, con ese valor absoluto do adverbio de tempo e do lugar vinculante.

Parabéns, por tanto, ao grupo promotor; á presidenta, conselleiro delegado, secretaria e demais membros do Consello de Administración; a todos e a todas as accionistas que fixeron posíbel este soño real; ás-aos xornalistas que o elaboran e completan día a día; a leitores e anunciantes…, porque acreditan -acreditamos- naquelas verdades que enunciei arriba, tan certas como precisadas de revelación e de concreción práctica, como adoita acontecer coas grandes evidencias históricas. Coido que todos os enumerados saben -sabemos- ben que, ao igual que nas palabras de Hamlet, toca, no presente, defrontar a “inxuria do opresor”, a “afrenta do soberbio” e, como non, as “insolencias do poder”. Xa levamos moito camiño andado na familiarización obrigada con todas estas sevicias: non nos colle de novas!, de modo e maneira que a experiencia acumulada ha servir, de certo, para coller novos folgos e facerlles frente con novas armas.

Cais son esas nosas armas? As letras, se se nos permite agora anular, por concilio, o dilema cervantino, isto é, as palabras, o pensamento, a conciencia e a mobilización social -mudanza, cambio social e político- delas decorrente. Nen máis nen menos…

Polo dito, xulgo de verdade revolucionario este intento. ¿Refírome ao nacemento dun novo meio de comunicación en galego, nun panorama tan debilitado e vaciado de escrita informativa en galego? Non, ou non só. Se o cualifico de revolucionario, é porque, de conseguirmos un corpo crecente de subscricións, de compra futura do semanario e de leituras na rede, se o aumento for gradual mais sostido, verificarase unha mudanza ben necesaria: a de ler diariamente en galego, a de requerirmos e consumirmos información en galego, desde a Galiza, para a Galiza e para o mundo desde nós mesmos, en espellos non cóncavos nen convexos, tal e como nos producimos, porque non somos clónicos de ninguén nen temos por que ser satélites a depender perpetuamente do planeta rexente.

Gosto especialmente do lema ou principio reitor desta publicación: A información precisa. Con efeito, é a información que precisamos e, ao tempo, é a información concreta, sen ruído, sen confusións nen manipulacións. É precisa e é preciosa, ou sexa, de alto valor. Estimémola en todo o que merece e contribuamos a que a crianza se faga adulta.

Comentarios