Opinión

Terror no supermercado, horror nos ultramarinos

Fai unhas semanas o SAT (Sindicato Andaluz de Traballadores) expropiou uns cantos carriños da compra cheos de alimentos básicos. Unha acción simbólica para chamar a atención sobre as dificultades que teñen as familias de persoas desempregadas para cubrir as súas necesidades básicas.

Fai unhas semanas o SAT (Sindicato Andaluz de Traballadores) expropiou uns cantos carriños da compra cheos de alimentos básicos. Unha acción simbólica para chamar a atención sobre as dificultades que teñen as familias de persoas desempregadas para cubrir as súas necesidades básicas. Tanto é así que a día de hoxe no estado español xa se estima que case un 25% dos nenos e nenas teñen algún tipo de carencia alimentaria, dato que se aproxima máis aos estados da cola de Europa coma Romanía ou Bulgaria que a Alemaña que Rajoy tanto nos quere asemellar.

Un dos supermercados escollidos para a acción foi Mercadona que ten a política de denantes destruílos alimentos a punto de caducar antes que cedelos a organizacións sociais. Aínda así, a imaxe social desta empresa non pode ser mellor tal e coma puidemos ver e ler nos medios de comunicación españois onde foi defendida a ultranza. Ten fama de crear moitos postos de traballo estables e con boas condicións e de ofertarlle á súa clientela produtos de marca branca de prezo reducido e moi boa calidade.

As sardiñas son un deles e os 33 millóns de latas que comercializan anualmente lle son subministradas por unha asociación empresarial radicada en Marrocos chamada DAMSA (Derham Alonso Maghreb Sociedade Anónima) formada pola galega Jealsa-Rianxeira SA e o deputado marroquí Hassan Derham, un dos principais accionistas da maior petroleira do estado, a Atlas.

Malia que o etiquetaxe dese produto indica que provén de Marrocos, a ONG Western Sahara Resource Watch leva anos denunciando o incumprimento sistemático da resolución das Nacións Unidas que prohibe a pesca nas costas saharauís sen o consentimento expreso da poboación local e sen que os beneficios da actividade sexan reinvestidos na mesma área.

Deste xeito, a acción do SAT trascendeu a súa intención orixinal e foi un pouco máis aló ao subtraer mercadorías a unha empresa que comercia con materias primas roubadas e aínda ten folgos para impartir clases de responsabilidade social empresarial cada vez que o seu presidente, Juan Roig, se achega a un micrófono.

Parafraseando a Alaska, o “terror en el hipermercado” das cabeceiras da prensa oficialista cualificando a acción do SAT é, en realidade, un “horror en los ultramarinos” pero non porque desaparezan mozas, coma di a canción, nin sequera carriños da compra para quen non ten que comer, o que desaparecen son os recursos pesqueiros do pobo saharauí baixo acordos que vulneran tratados internacionais.

Lamentablemente isto non acontece non só no Sahara e non só cas sardiñas. Case calquera produto de ultramarinos, ou sexa, alén das nosas costas, vai chegar aos nosos cestos da compra cunha colección de violacións políticas, ecolóxicas e laborais que debería facernos repensar os nosos hábitos de consumo.


"Desaparecen son os recursos pesqueiros do pobo saharauí baixo acordos que vulneran tratados internacionais".
 

Aí están Rianxeira en Guatemala coa súa planta de procesado de atún coñecida polas súas traballadoras coma “El Infiernito” en alusión a un famoso cárcere local, Calvo despedindo traballadores e traballadoras por querer formar un sindicato debido á alta sinestralidade laboral na súa planta de El Salvador ou, coma non, Pescanova na súa planta de procesado de camarón en Nicaragua violando canta normativa laboral se tope por diante e impoñendo quendas de ata dez horas sen dereito a descanso para comer ademais de multitude de casos documentados de maltrato verbal.

E isto só falando de empresas galegas que, coma lles gusta dicir, están a internacionalizar a súa produción canto, en realidade, o que están a facer e deslocalizarse,porén, estanse a levar o traballo cara outros países onde pagan salarios máis baixos, non precisan investir tanto en seguridade laboral e non teñen atrancos sindicais nin de leis ecolóxicas desas que so fan atrasar o progreso.

Pero mentres este latrocinio sistemático e silencioso acontece tódolos días sen que sexa percibido sequera como tal, una boa parte da opinión pública vai seguir vendo na expropiación de produtos básicos dunha cadea de supermercados que rouba e explota , un acto de barbarie e terrorismo cando os auténticos delincuentes e terroristas son os que poñen o seu enriquecemento persoal por riba do dereito das persoas a alimentarse. A lóxica do capitalismo que lle chaman.

Comentarios