Opinión

Teñen cartos para Bankia e non para Navantia

Isto escribiron sobre unha sede da propia Bankia as persoas traballadoras do Sector Naval de Ferrolterra para esixir carga de traballo hai ao redor dun mes nunha das numerosas mobilizacións que aínda continúan a proliferar no noso contorno.

Isto escribiron sobre unha sede da propia Bankia as persoas traballadoras do Sector Naval de Ferrolterra para esixir carga de traballo hai ao redor dun mes nunha das numerosas mobilizacións que aínda continúan a proliferar no noso contorno. É probábel que moitas outras persoas estivesen desexando colocar este mesma frase ou se cadra unha similar sobre diferentes paredes, pero tamén é posíbel que non teñan moitas posibilidades de protestar nun grupo autoorganizado desde o seu emprego ou desemprego.

Esta lembranza volve á miña cabeza nunha e noutra ocasión, cada vez que nos estremecen as malas novas do poder que nos goberna, a cada paso que avanza a asfixia de galegos e galegas nun contexto de deterioro do noso. Deterioro social, deterioro económico, deterioro do lingüístico, do cultural, do identitario, etc. Un veleno que nos van inoculando lentamente até deixármonos sen forzas, sen motivacións, sen alternativas.

Dentro deste ermo de posibilidades ás veces volve ao meu rostro un sorriso, un sorriso que me fai lembrar actuacións como a das traballadoras e traballadoras do Sector Naval. Porque en definitiva non queda máis que a forza da experiencia, da actuación e do estarmos vivos. Ás veces sorrío e outras veces teño medo, medo de non atopar novos xeitos de autoorganizármonos, de protestar, de axir. E así me debato entre a motivación por acadar novas conquistas e a tristura de ollar ao meu redor, agarrada á esperanza de slogans como este que me fan revivir o soño de rebeldía que me acompaña desde nena.

Se cadra este conto se parece cada vez máis ao do Rei espido ou o Conto do Traxe novo do emperador. Unha sociedade na que miles de persoas vemos todos os días evidencias sobre as que non atopamos de xeito natural moitos espazos onde poder expresármonos. Se cadra pensamos que si podemos, pero non me refiro á nosa capacidade en si mesma, refírome a que a estrutura da nosa sociedade promove a cada paso unha situación para o conxunto das persoas cada vez máis atomizada e dispersa. Os pobos se distancian das súas identidades, pérdense as linguas, a proximidade da propia articulación poboacional, a mesma veciñanza, pérdese tamén por dicilo de un modo un pouco tremendista todo o que hai de humano, identitario e grupal en nós.

Cando observo este tipo de situacións, como a de traballadoras e traballadores que se expresan con liberdade, lembro que isto sobre que hoxe escribo é como un suceso acelerado que levo observando ao longo dos anos da miña vida. A historia destes estaleiros da comarca de Ferrolterra ten acompañado o meu paso. Ao comezo os meus ollos observaban con esperanza e lexitimidade, cando era unha nena, acreditando en que todo aquilo acharía sentido e reconfortaría a dureza da vida de persoas queridas que me rodeaban. Despois ollei con ollos de decepción, diante de tanta loita e sen acadar os obxectivos mínimos. Mais tarde me reconfortaba nas esperanzas que contan que a xente pode sempre unirse, organizarse, loitar. Satisfeita cando leo esas sentencias sobre a sede de Bankia “O PP ten cartos para Bankia pero non para Navantia” continúo, en ocasións aínda reconfortada, como se quedasen moitas e moitas portas abertas á esperanza.

Tomo distancia e volvo a unha realidade que camiña rapidamente cara min, como un mal soño, ou diría máis, como un auténtico pesadelo. A preocupación sobre o futuro da miña terra e da miña xente asáltame. Pregúntome como imos autoorganizar alternativas económicas ou de innovación se estamos dispersos e dispersas entre o desemprego, a emigración e os traballos individualizadores. Pregúntome como habemos cambiar tanta cousa que hai por cambiar: modelos produtivos impostos que habería que mudar por uns novos, recuperación de modelos anteriores de coidado da terra e do medio, etc.

Como imos autoorganizar a nosa economía cando algún día glorioso levanten os vetos hipócritas á nosa produción. E volvemos de novo ao Rei espido, pero como pode limitar Europa, coa complicidade e submisión absoluta dun poder español centralista, a produción dos nosos estaleiros nunha sociedade que eles defenden como de libre mercado. Incríbel pero certo. Ás veces póñome a matinar e penso absurdos vendo discorrer estes días tan tristes e desoladores para o meu pobo. E penso: e se mañá nos erguemos e din na radio que temos que cortar unha perna porque o manda Europa, que non podemos ter dúas pernas por persoa que é un exceso. Tamén o faremos? Xa sei que é levar os razoamentos ao máximo absurdo, pero de verdade que eu moitas veces así mesmo os percibo.

E insisto neste slogan que me fixo sentir dignidade unha outra vez, se cadra foi porque medrei nun tempo e lugar no que protestar por conflitos como o do naval era algo lícito. Se cadra crin que todo o que xa tiñamos visto se aproveitaría para aprender de novo. Pensaba que a experiencia de ver aínda o rural e a proximidade nos faría caer na conta de que é necesario ter unha estrutura social forte, que as reivindicacións como a do naval ou similares nos farían reforzar a idea de loita e de necesidade de non parar, aínda que naquela ocasión saíse mal e levase mesmo vidas e ilusións por diante.

Por todo isto berro xunto a estas persoas valentes que me acompañan e reconfortan para non perder a esperanza e seguir matinando, coa idea firme de recuperar a forza dun pobo orgulloso de seu con vontade de se liberar.

Comentarios