Opinión

Ten que haber alternativa

Na situación actual de crise na que nos meteron (teño que dicilo así: a culpa non é nosa; se hai fame no mundo a culpa non é nosa, se pechan as empresas a culpa non é nosa, se morre xente por guerras inventadas a culpa non é nosa...

Na situación actual de crise na que nos meteron (teño que dicilo así: a culpa non é nosa; se hai fame no mundo a culpa non é nosa, se pechan as empresas a culpa non é nosa, se morre xente por guerras inventadas a culpa non é nosa...) nesta tesitura, dicía antes de que a paréntese me despistara, semella que o único que podemos agardar da clase gobernante son remendos, parches, pegotes de formigón armado (o de armado vai, si, con segundas) para que o encoro non rebente, é dicir, para que o paro non medre (non para que diminúa, a tanto non chegan), que os bancos recuperen a saúde (non para que revertan os beneficios sobre a sociedade, a tanto non chegan), ou que a prima de risco non suba (non que mellore a atención das nosas necesidades humanas básicas, a tanto non chegan). En fin, que a sensación que algúns temos en relación ao que teñen que facer os que deberían estar facendo algo, é que, máis ou menos e resumindo, así, así, a bote pronto, largando o primeiro que me vén á lingua é que non están a facer nada, pero nada de nada nadísima. Porque do que van os seus desvelos, no que se centra o groso da súa actividade é en alicerzar e parapetar o sistema, a saber seguirlle dando de comer ao moribundo, de respirar ao afogado, de beber licores fortes ao que xa está cirrótico e desauciado.

Así que, queridiños e queridiñas, o que vou facer é o que algúns dirán que é demagoxia, infantilismo, inxenuidade, ou, incluso, parvura, pois o que vexo claro é que o que hai que mudar absolutamente, de arriba a abaixo, de esquerda a dereita e de sur a norte, é o sistema. Enmenda á totalidade. Revolución. Peche e derrubo. Hala, veña, quedou dito: este sistema non ten amaño, non haidiós que o endereite, non serve de nada seguir pensando na prima de risco, no índice niquei ou niqueliño, ou nos brokers de Manhattan, se é que están precisamente aí, que tampouco o sei. Non van servir remendos, parches, pegotes nin parapetos para que o encoro aguante. Porque xa non aguanta. A crise de lexitimidade da clase política gobernante ten que ver, precisamente, con isto: decatámonos de que están salvando a banca, as grandes fortunas, os beneficios das grandes corporacións e, si, tamén á nai que os botou, a nai deles, non á miña, que está maliña, é dependente, e non se lle axuda ou máis ben pouco.

Non sei se hai alternativa. Pero este sistema mundo realidade cousa status quo estado xeral ou como carallo queirades que o chamemos, cae e cae para sempre e o que é este fulano que asina estas liñas xa non está para seguir pagando os seus excesos.

É tempo de soñar outro mundo. Incluso os insomnes deben soñar outro mundo. Incluso os realistas. É tempo, xa que logo, de levar ao cumio das esperanzas o que para moitos é demagoxia, infantilismo, inxenuidade ou parvura.

Porque o realismo posibilista que nos suicida xa non é alternativa nin para si mesma.

Comentarios