Opinión

Ten Galiza soberanía tecnolóxica de seu?

Ten algo que ver con nós a guerra das patentes tecnolóxicas e do coñecemento que nestes días ocupan as portadas dos xornais que lemos, aínda que procedan dunha realidade tan allea a nós como é a realidade dos tribunais estadounidenses? Pois desgraciadamente semella que si.Moitos destes xigantes da tecnoloxía gañaron hai tempo a complicidade de determinados estados con gran poder no mundo.

Ten algo que ver con nós a guerra das patentes tecnolóxicas e do coñecemento que nestes días ocupan as portadas dos xornais que lemos, aínda que procedan dunha realidade tan allea a nós como é a realidade dos tribunais estadounidenses? Pois desgraciadamente semella que si.

Moitos destes xigantes da tecnoloxía gañaron hai tempo a complicidade de determinados estados con gran poder no mundo. Co apoio destes estados poden acubillarse en lexislacións que lles permiten patentar coñecemento que pertence a toda a humanidade, a cada estado e a cada pobo. E, por suposto, a todas as persoas con capacidade de traballalo, comprendelo e melloralo. Pero os acontecementos actuais non están discorrendo por este camiño. Moi polo contrario numerosas corporacións participan nunha guerra pola explotación exclusiva da tecnoloxía, para crear un consumo totalmente dependente. Diante desta realidade tan alienante como decididamente agresiva temos que preguntármonos se temos capacidade suficiente para o noso propio desenvolvemento tecnolóxico, dixital, dos nosos propios contidos e do noso coñecemento.

Na actividade frenética destes tempos de máquinas, código, información e monopolio cómpre lembrar os nosos textos, para así facermos interpretacións e críticas sobre a realidade que hoxe nos envolve. Coa idea de achegármonos ao diálogo que manteñen os novos e vellos acontecementos. E así, coa preocupación posta na información e nos contidos que navegan polos nosos computadores comezo a facerme as preguntas que outros se fixeron hai algún tempo diante dos defensores de idiomas universais, hoxe transformados tamén en defensores do avance científico, da tecnoloxía privatizadora, do coñecemento pechado, mais iso si, moi pero que moi universal.

Obviamente chego á mesma conclusión a que outros chegaron para volver dicir que como nación que somos temos dereito a dispor dos nosos destinos. Mais atópome de fociños cunha realidade convulsa que nos vai restando posibilidades de desenvolvemento. Neste punto é cando ollo para o cotiá e vexo as ferramentas, as máquinas e as aplicacións coas que traballamos, pensamos, actuamos e vivimos unha grande parte de galegos e galegas. E vexo unha enganosa realidade que hipnotiza e desposúe de criterio propio a milleiros de persoas que se ven obrigadas ou tendenciosamente conducidas a utilizar tecnoloxías privatizadoras. Vexo que a gran maioría de nós estamos alimentándonos dun mundo unidireccional que nos quere conducir á dependencia tecnolóxica total e absoluta. Debuxando ao paso un futuro incerto para as nosas propias creacións, a nosa memoria, os nosos proxectos económicos, etc.



"A gran maioría de nós estamos alimentándonos dun mundo unidireccional que nos quere conducir á dependencia tecnolóxica total e absoluta"


En nome da introdución destes novos avances tecnolóxicos para a humanidade estamos sendo vítimas dunha potente operación de ocupación dos nosos espazos de desenvolvemento propio para cedelos gratuitamente a un número reducido de empresas multinacionais que privatizan o coñecemento para facernos dependentes dos seus produtos comerciais. Si, estamos a falar das tecnoloxías que utilizamos no noso día a día a modo de persoas usuarias nos nosos computadores, teléfonos móbiles, tablets, libros electrónicos... tanto persoais como de traballo. Estamos a falar da capacidade de crear contidos, de divulgar a nosa cultura, de dar un enfoque concreto aos materiais educativos ou formativos, etc. Falamos da práctica acrítica que imos introducindo como cotiá, á práctica de sermos dependentes nun punto moi fraco do desenvolvemento dos diferentes pobos do mundo. Estamos cedendo o noso coñecemento, a nosa maquinaria educativo-formativa, as aplicacións que fan funcionar a industria ou o agro e outras tantas posibilidades como se nos ocorran na aplicación práctica das TIC.

E digo estamos porque é a tendencia maioritaria no noso contexto, non porque non haxa iniciativas que traballan para que o noso coñecemento tecnolóxico sexa libre e mellorable por calquera profesional, persoa afeccionada, institución ou universidade. Claro que existen asociacións profesionais, asociacións de sector, da educación, etc que traballan para fomentar o uso do software libre e do desenvolvemento tecnolóxico libre e propio. Mais como sabemos non é esta a realidade predominante e cada quen de nós pode observar isto mesmo ao seu redor sen demasiado esforzo.

Que software utilizan os centros de ensino galegos de xeito maioritario, e a administración autonómica, e as administracións locais e as pequenas empresas? Que contidos sobre nós e a nosa realidade son os máis destacados na rede, están feitos acaso por institucións galegas, por ensinantes, por profesionais con perspectiva da realidade galega? Como será a educación dentro duns anos, no posible paso dos libros tradicionais aos contidos dixitais educativos? En que lingua funciona a máquina que cobra os nosos cafés polas mañás?

"Como será a educación dentro duns anos, no posible paso dos libros tradicionais aos contidos dixitais educativos? "

Esta serie de cuestións, ás veces, nos parecen detalles sen importancia, mais son síntomas do que está por vir, do que pretenden certas maquinarias económicos asociadas con moitos estados do mundo, entre os que desde logo se atopa o Estado Español, como non podía ser doutra maneira. Non sexa que nesta carreira por depender dos seus poderosos aliados vaian perder algún deses marabillosos avances para a humanidade.

Mais por outra banda existen reaccións e posibilidades para traballar noutras direccións. Por exemplo, se introducimos nos nosos navegadores o concepto de soberanía tecnolóxica atoparemos referencias ao software libre, á soberanía da educación, á soberanía produtiva, alimentaria, etc.

Atoparemos este termo en numerosas páxinas de actualidade e opinión vinculadas á realidade de América do Sur. Encontraremos esta referencia na constitución venezolana, en textos sobre os sistemas de educación pública en diferentes estados, comunidades, etc. Tamén atoparemos este discurso en colectivos galegos ao redor do software libre, da educación, etc. E aí poderemos comezar a interesármonos, interesármonos por coñecementos que a día de hoxe son centrais para o desenvolvemento de alternativas á realidade actual que nos afoga. Unha realidade que proxecta con descaro que non hai posibilidades de mudanza, de reverter esta caste de colonizacións, sexan tecnolóxicas ou doutro tipo.

O coñecemento si ocupa lugar e ademais hoxe por hoxe está tinxido dun escurantismo terríbel e cómplice das maquinarias de poder. Mais non é tan complicado aprender que é o software libre ou a soberanía tecnolóxica. Aprender como podemos usalos e autodesenvolvérmonos sen ceder alegremente todo o que somos a focos de poder que están a cada paso máis lonxe de nós. Porque a programación é simplemente unha linguaxe na que se traballa para facer funcionar os computadores e os programas son ferramentas para facer funcionar a nosa economía e a nosa sociedade no seu conxunto. E non son poucas as persoas entendidas que apuntan que xa se debería estudar nas escolas e nos diferentes centros de formación para o traballo o básico sobre programación. O imprescindíbel para desenvolver software, melloralo, comprendelo, saber se é libre e mesmo ter criterio para usar un ou outro. Porque isto non é máis que outro chanzo na obsesión por facer do ben común ben duns poucos privatizado e pechado, como no caso dunha posible banca pública galega que nos negan, ou das sementes chamadas terminator que morren para non poder ser explotadas.

O único diferente é que no caso do software, dos contidos dixitais e das aplicacións podemos contribuír co esforzo intelectual e de coñecemento de cada quen para sumármonos a movementos que xa existen. Porque temos capacidade de pensamento crítico e de aprendizaxe para perder o tempo que gastamos noutras múltiples tarefas en comprender se cadra un pouco que ferramentas que van configurar o coñecemento do futuro, porque nos vai a vida en sermos minimamente conscientes da posición que ocupamos e das posibilidades que aínda temos de existir, como pobo, como profesionais, como cultura transmisora de coñecemento, desenvolvemento, futuro e porvir.

Se non andamos este camiño haberá quen o ande por nós para someternos e facernos simples elementos de consumo. Porque a tecnoloxía, aínda que pretendan facérnolo crer, non é aséptica nin puramente científica. A tecnoloxía, como todo, está feita por persoas e por colectivos humanos, coas complicidades das grandes corporacións e dos estados. Porque non é o mesmo utilizar software privativo que software libre. Porque non é o mesmo tampouco en que idioma se almacenan os millóns de contidos que se están a crear hoxe no mundo, que dito sexa de paso seguen a estar maioritariamente na chamada primeira lingua mundial da historia. Lingua que en case todo o globo se vai vendo como lingua necesaria de coñecemento e aprendizaxe, con todo o que isto implica. Tampouco é o mesmo se esas linguas teñen tecnoloxías propias para aproveitar os seus avances ou se van de prestado. Nada disto é aséptico e científico, todo isto trae consigo plans e obxectivos que nós podemos modificar coa nosa implicación e co noso esforzo intelectual e práctico.

En definitiva, vivimos novas realidades e novos pretendidos avances que nos queren confundir e derrotar. Mais podemos, desde logo, aplicar o método que aplicaron outros e outras que nos precederon. Galegos e galegas que se implicaron nos temas e debates de actualidade dos seus correspondentes momentos históricos. Para buscar o camiño dun pobo que pretende rexurdir, a cada paso, en cada tempo histórico. E aínda que parezan este tipo de tarefas misións titánicas ou retos de alta dificultade temos a obriga de continuar. Temos a obriga de achegármonos á realidade que vén cara nós no día a día. Seguro que coa colaboración de centos de persoas con coñecementos sobre todo isto sumadas ás miles de persoas preocupadas coa nosa realidade poderiamos actuar nun traballo estratéxico para saírmos deste novo cárcere dos tempos.

Comentarios