Opinión

Tanto tes, tanto vales!

Acompáñame este refrán desde sempre, como tantos outros prendidos en min desde a sabedoría popular das voces familiares que a memoria foi fixando silandeiramente como flash instantáneos que decontado renacen milagrosamente para alumaren esta realidade acosadora, como aquelas sorprendentes primeiras cámaras polaroid, que chegaron cando nena e nos amosaban en segundos os nosos retratos que até entón tardaban semanas en seren

Acompáñame este refrán desde sempre, como tantos outros prendidos en min desde a sabedoría popular das voces familiares que a memoria foi fixando silandeiramente como flash instantáneos que decontado renacen milagrosamente para alumaren esta realidade acosadora, como aquelas sorprendentes primeiras cámaras polaroid, que chegaron cando nena e nos amosaban en segundos os nosos retratos que até entón tardaban semanas en seren tanxíbeis aos nosos sentidos.

Unha anovada canle, no sistema tradicional dos elementos da comunicación, chamada San Google foi a mediadora que me levou a ela. O referente dun contorno vital tan provocadoramente inxusto para coa sociedade, con certeza, foi o causante de que eu procurase refuxio sandador nas artes plásticas, do mesmo xeito que outras veces lle corresponde á literatura ou á música.

Así foi como me reencontrei e descubrín unha vizosa galería de imaxes pictóricas e escultóricas, asinadas por autores e autoras galegas, de tempos, escolas, técnicas e trazos artísticos ben diferentes, que ían ennovelando unha sucesión de estampas centradas na muller galega traballadora.

Luís Seoane, Colmeiro, Maruxa Mallo, Isaac Díaz Pardo, Xulia Minguillón, Carlos Maside, Ramón Conde, Virxilio ou Viki Rivadulla deseñaban, pefilaban, intuían mans labregas e mariñeiras, corpos entrelazados no labor cooperativo das labregas e das mariscadoras á procura do necesario sustento familiar e do desenvolvemento dos nosos tradicionais sectores produtivos onde todo nace da terra e do mar. 

Os seus pinceis oleosos recolleron para nós a evolución da radiografía dos tempos das sempre silenciadas viúdas de vivos e das voces besbesullantes construtoras da matria: lavandeiras á procura do clareo inmaculado, leiteiras de mans calosas entre ubres lactosos e pés viaxeiros, tecedoras de redes compañeiras prontas para a forza mareira da ardora verde-azul, (soror)irmandade conversadora no descanso da fiada ou da esfolla, ronsel de corpos femininos a dar vida na encrucillada laboral do mercado alimentario multicor, costureiras a teceren xustillos e chambras para o Día do Patrón, vendimadoras tinguidas de estimulante néctar lila.

"Canto valor artístico herdamos do traballo de quen grava nos lenzos as estampas das que procedemos".

E ante aquela galería de imaxes, ante aquel extraordinario ronsel de formas e cores realistas, pensei: Tanto tes, tanto vales! Canto valor artístico herdamos do traballo de quen grava nos lenzos as estampas das que procedemos. Entón volvín repetirme: Tanto temos, tanto valemos! E alguén me replicou: Canto perde quen tanto ignora!

A miña distracción curiosa inicial mudou por vontade de titulares de prensa que me colocaron de fronte con outras expresións femininas actuais en destaque. Agora as mulleres adoptaban dimensión humana, con nomes e apelidos, baixo corpos idosos de máis de oito décadas, condenadas pola súa sobrevivencia a tanto tempo de traballos e esforzos. Vivir tanto resulta custoso ás arcas públicas! Vivir vólvese cruel e insolidario!

Aurelia debía abandonar un piso antigo en plena zona vip coruñesa, a súa casa e fogar de varias décadas de vida, porque non encaixaba no modelo chic planificado por quen non entende de miserias nin de arraigamentos humanos, ao non permitir unha revalorización económica desas catro paredes que acrecentase a fin de mes a caixa do patrimonio privado. A xerencia local da res pública tiña a solución doada: onde mellor estaría que recluída nunha residencia de anciáns e afastada do seu marco convivencial?

D.A.M. agochaba, nun simple reduto invisíbel de siglas, o corpo inerte dunha outra muller, falecida mentres agardaba ser atendida, logo de tres horas con fatiga xeneralizada e problemas para respirar, no servizo de urxencias do Hospital Xeral de Vigo. Mentres as autoridades ordenantes dunha austeridade desmedida e incontrolada nas súas consecuencias e os equipos facultativos da sanidade pública, desbordados e impedidos para a impecábel realización da súa profesionalidade, lamentan o triste suceso, a Fiscalía de Vigo anuncia a apertura de dilixencias para investigar esta morte que, se case sempre semella inxusta e inexplicábel, neste caso as dúbidas de que tería acontecido se... acrecentan a angustia no ámbito familiar e no colectivo. 

Esta nova alarma social, no entanto, semella ter doada solución, á vista doutras novas xornalísticas: asignar un código de cores diferenciadas a cada paciente, unha vez ingresado en urxencias, que priorice o seu atendemento en función da gravidade do diagnóstico inicial. A gama cromática abrangue desde o vermello (inmedito), laranxa (de dez a quince minutos), amarelo (unha hora), verde (dúas horas) ou azul (catro horas)

"As decisións políticas que se adopten para aseguraren o dereito a unha vivenda digna e á saúde pública virán planificadas e xestionadas por quen moi probabelmente vivan afastados a estas vivencias humanas"

Estas dúas situacións non me permiten afastarme da impotente tristura que me provoca saber que as decisións políticas que neste momento se adopten para aseguraren o dereito a unha vivenda digna e á saúde pública, tamén para as persoas con escasos recursos, debilitadas social, económica e fisicamente, virán planificadas e xestionadas por quen moi probabelmente vivan afastados e alleos a estas vivencias humanas de restrición, inseguridade, limitación e dependencia.

Entón volvín repetirme: Tanto tes tanto vales!

Remato a lectura da nova dándome por informada, mais a espiral da interrogante prolongada asexa novamente: con que cores han pintar as voces e imaxes das mulleres os artistas plásticos de comezos do século XXI?

Comentarios