Opinión

Suspensión da democracia

Que o ministro de Asuntos Exteriores do Goberno español sexa o portavoz da Moncloa en relación ao asunto catalán mostra até que punto a España eterna vai perdendo esta partida

Que o ministro de Asuntos Exteriores do Goberno español sexa o portavoz da Moncloa en relación ao asunto catalán mostra até que punto a España eterna vai perdendo esta partida: subliminalmente, consideran Catalunya outro país, como cando Esperanza Aguirre clamaba por que Endesa continuase a ter a sede en territorio “nacional” e non en Barcelona. Que, aliás, ese ministro invoque a Constitución de 1978 para ameazar coa suspensión da autonomía catalá, revela a calidade da democracia que temos. Que todo isto aconteza mentres no Reino Unido o pobo escocés vai ir exercer o seu dereito a decidir, non é máis que un novo sinal de que, mesmo falando en termos de democracia formal, o Estado español está moi lonxe dos estándares internacionais mínimos no ámbito da Unión Europea.

Non é concibíbel que 1,8 millóns de persoas saian á rúa e que aquí non pase nada, que as elites políticas de Madrid non movan ficha. Ou si que o é: ao non faceren nada, deixan ver a esclerose do réxime de 1978, totalmente ultrapasado polos acontecementos. Tan ultrapasado está o réxime e o seu partido hexemónico que neste momento o PP é incapaz de impor nin a contrarreforma machista da lei do aborto nin o pucheirazo electoral para as municipais de 2015. Sábese débil o PP e a súa debilidade -alén de a erros propios, como o de traizoar o seu propio programa electoral no plano económico- hai que lla atribuír á fortaleza dos movementos soberanistas no Estado, a comezar polo catalán.

En termos de democracia formal, o Estado español está moi lonxe dos estándares internacionais mínimos no ámbito da Unión Europea

Por que ameaza coa suspensión da autonomía o ministro Margallo? Porque o PP continúa a xogar esta partida pensando exclusivamente en termos de política electoral. Porque o españolismo é hoxe a única baza que a Moncloa ten. Claro que xa sabemos que unha cousa é a táctica e outra a estratexia. En teoría, o PP pretende que Catalunya non se vaia. Esa é a súa aposta estratéxica. Mais estas declaracións -tácticas- para o único que serven é para engordar o soberanismo. E nós, desde logo, aledámonos.

Comentarios