Opinión

Subir os salarios, clave para saír da crise

Mentres non se incrementen os salarios, e a clase traballadora non recupere os dereitos perdidos, non é concibíbel unha saída xusta e sustentábel á crise económica.

Mentres non se incrementen os salarios, e a clase traballadora non recupere os dereitos perdidos, non é concibíbel unha saída xusta e sustentábel á crise económica. A economía da deflación na que estamos non ten percorrido por diante, esgótase en si mesma e isto acaba sendo percibido como tal até polos sectores menos irracionais do empresariado, no mínimo daquel segmento do empresariado que ten intereses na economía produtiva. Sen unha suba de salarios non é posíbel a reactivación da demanda interna e sen reactivación da demanda interna non se poñen en marcha as pequenas e medianas empresas, capitais á hora de criaren emprego, moito máis nunha economía como a galega.

A economía ortodoxa e neoliberal condúcenos a un beco sen saída. Reducir o poder adquisitivo das maiorías sociais acaba provocando o fechamento das empresas  que non teñen a quen vender os seus produtos. O axuste faise, por tanto, pola vía de ensanchar as desigualdades sociais -a deflación sempre castiga máis os de abaixo-, mais tamén pola vía de destruír capital, capital da pequena e mediana empresa, naturalmente, para maior gloria do gran capital, das grandes corporacións, financeiras e industriais, que medran sobre as cinzas das pemes.

Sen unha suba de salarios non é posíbel a reactivación da demanda interna 

Levamos sete anos de crise recesiva e a destrución das forzas produtivas non ten precedentes nas últimas décadas, tampouco o sufrimento social. No noso país, na Galiza, unha nación sen soberanía, os efectos foron particularmente catastróficos, con sectores produtivos inhabilitados para producir non por falta de capacidade competitiva, senón por todo o contrario: ao seren competitivos, son eliminados do mercado por decisións políticas adoptadas fóra do noso territorio.

Imponse, pois, un cambio radical de modelo. No social, con políticas dirixidas a incrementar o peso das rendas salariais no PIB. E no nacional, coa conquista de parcelas de autogoberno, orientadas á conquista da plena soberanía.

Comentarios