Opinión

Son un escritor galego

Son un escritor galego e escribo este artigo nun aparcadoiro, nun descanso entre dúas xuntanzas, roubándolle tempo ao descanso e ao merecido piscolabis, que tan ben me sabe, porque, como tantísima xente que fai cultura en galego, temos que dedicarnos a outras moitas actividades para chegar a fin de mes e poder ir ao Gadis cun mínimo de dignidade.

Son un escritor galego que hai oito anos, nun libro titulado "Xeración perdida" (Galaxia), dixo que a nosa é unha literatura heroica. Manteño a palabra. É incrible que siga existindo tanta xente facendo música, teatro, cine, libros, en galego, nun país que nos dá as costas, comezando polos responsables -é un falar- políticos, os primeiros en ignorarnos, tanto, que as veces penso que nos consideran o inimigo.

(Considérannos o inimigo?)

Son un escritor galego e, xa que logo, durmo pouco (por escribir), saio pouco (por escribir), alterno pouco (por escribir), curro moito (por escribir), frústome moito (por escribir) e obteño pouco beneficio comparado co que fan queridos colegas que escriben en imperiais linguas.

Son un escritor galego e ás veces, en Galicia, os xornais insisten en sacar as miñas declaracións en castelán, convertíndome así nun diglósico tipo lingua B a min mesmo diante dos veciños, que ven a entrevista no bar e non entenden nada.

Son un escritor galego, e por iso moita xente, en Galicia, pensa que me trabuco por ter escollido como lingua literaria a do país. Pobres fillos, pobres pais, pobre patrimonio familiar. Se é que é parvo.

Son un escritor galego e escribo artigos en aparcadoiros, parques infantís e no autobús urbano. Porque senón as novelas non se escriben. E artigos coma este que estás lendo, tampouco.

Son un escritor. E non se me confundan. Non son anormal. É que escribo nun país que non sempre ten vocación de normalidade. Por iso todo é tan raro.

Comentarios