Opinión

A soberanía non pode esperar

A historia marca implacábel os seus ritmos e non agarda por ninguén.

A historia marca implacábel os seus ritmos e non agarda por ninguén. A historia vive un vertixinoso proceso de aceleración no Estado español e as contradicións entre o Estado negador de dereitos nacionais e as nacións que os reclaman están a atinxir unha virulencia sen precedentes. Sabemos cal é a folla de ruta de Catalunya. Sabemos cal é o proxecto de Euskal Herria. Toca agora determinarmos, colectivamente, o percurso do pobo galego.

A cuestión clave é que papel lle queremos dar como sociedade á reivindicación da soberanía. E aquí hai dúas opcións. Ou consideramos que esa é a cuestión central -por ser a chave que nos pode levar a abrir as portas- ou pensamos que esa é unha cuestión accesoria, colateral. Catalunya e Euskal Herria nin se formulan esa dúbida. Téñeno clarísimo. Na Galiza, en troca, o ruído ambiental, o confusionismo, é enorme, en boa parte porque a nosa sociedade é moito máis vulnerábel ás influencias foráneas - digámolo claramente: españolas- do que as sociedades basca e catalá.

A cuestión, portanto, non está en que Madrid mude de réxime. A cuestión está en que Galiza conquiste a súa soberanía

E porén, por moito barullo conceptual que houber, o que está claro é que a historia non se vai deter agardando a que a Galiza deixe atrás ese certo atrapallamento colectivo en que viven largos sectores da sociedade galega que se auto-referencian como progresistas, galeguistas ou até soberanistas, nacionalistas e independentistas.

A cuestión central

Baixo o noso punto de vista, a soberanía é a cuestión central do noso tempo. Non só na Galiza, mais tamén no planeta. A soberanía como o dereito a decidir das nacións face aos conglomerados transnacionais que gobernan o capitalismo neoliberal, hexemonizados pola aínda primeira potencia imperial, os Estados Unidos. A soberanía que nin sequera teñen garantida estados formalmente independentes, desde América Latina até a periferia da Unión Europea. Soberanía como condición necesaria e indispensábel para falarmos de democracia.

A cuestión, portanto, non está en que Madrid mude de réxime. A cuestión está en que Galiza conquiste a súa soberanía, está en avanzarmos cara á autoorganización do pobo galego, en darmos a cara como pobo galego, sen intermediarios, sen camuflaxes, séndomos o que somos.

Acertan, pois, as 13 organizacións nacionalistas galegas que asinan un manifesto unitario ante o Día da Patria Galega, pondo a soberanía na axenda. Ese é o camiño. Sermos Galiza tamén quere andar por el. Feliz Día da Patria Galega 2014.

Comentarios