Opinión

Sexta extinción

Na envolvente da Serra de Queixa pastoreaban-se hai 30 anos máis de 20.000 cabezas de gando, grandes rabaños de ovellas e cabras mormente. Daquela habitaban na mesma área 22.767 persoas segundo censo de 1981. Na actualidade, restan apenas dez ou doce rabaños, con menos de 2.

Na envolvente da Serra de Queixa pastoreaban-se hai 30 anos máis de 20.000 cabezas de gando, grandes rabaños de ovellas e cabras mormente. Daquela habitaban na mesma área 22.767 persoas segundo censo de 1981. Na actualidade, restan apenas dez ou doce rabaños, con menos de 2.000 cabezas e Montederramo, Chandrexa de Queixa, Castro Caldelas, Trives, Manzaneda, Vilariño de Conso, Viana do Bolo, Laza e Castrelo do Val apenas suman 12.870 persoas censadas. O peso do sector primário na economía da zona ten diminuido ao longo destes anos, nun proceso que se repite en case todas as comarcas do noso rural. Paralelamente a este debilitamento, a mocidade local ten alimentado o sector da construción ao longo deses decénios. Fundamentalmente como operários de base non especializados. Na actualidade, co descenso brutal de actividade que experimenta ese sector, é doado imaxinar-se a crúa situación pola que atravesa a mocidade nestas terras.

Pero qué terá a ver isto coa “sexta extinción” que proclamou Wilson e que, máis tarde, outros biólogos calibraron de forma aínda máis preocupante?

Pois que mentres en muitos casos, as extincións biolóxicas previstas se van producir por avances da civilización industrial cara un colapso ambiental, no caso que tentamos expór se trata dun proceso no que se dan de mans a cobiza, o cálculo delituoso e os prolegómenos do que, abertamente, xa se califica como etnocídio. Entenda-se como a eliminación calculada e premeditada da nosa cultura. Algo no que ten bastante a ver a mentalidade espoliadora do capitalismo e a lei da selva que propugna o neoliberalismo.

Nos anos finais de 80 e ao longo do decénio de 90, persoal dos servizos veterinários da Xunta de Galiza adscrito á comarca en cuestión foi responsábel da eliminación de dúcias de rabaños de ovellas e cabras destes concellos de montaña. A excusa: a existéncia dun foco tradicional de tuberculose e brucelose que había que extirpar. Miles de cabezas sacrificaron-se sen que a maioría dos seus proprietários percebesen carto nengún. Os circuítos nos que se moveu este proceso ficaron agachados tras unha cortina de caciquismo clientelar, no máis absoluto e escuro siléncio. Sen protestas evidentes, só de portas para dentro das casas.

"De Queixa aos Ancares e ao Courel, de Valdeorras ao Xestoso ou a Soneira, armemos un folión de resisténcia pola soberanía e a dignidade. En Allariz, 6 e 7 de Abril, temos unha cita con Avinza e a FRUGA!"

Todo un mundo de gandaría tradicional se perde nas encostas e valgadas da Serra de Queixa. Curros, cortellos, estantes, malladas. Toponímia e personaxes mitolóxicas e reais. E con eles un sistema pastoril que permitía a supervivéncia duns habitats únicos, á sua vez coroados por espécies singulares como a perdiz charrela ou de montaña, a toupeira de río, o bufo real ou a águia real, ameazadas hoxe na serra.

Desterrado na prática o peculiar sistema de relacionamento co medio que mantiñan estas comunidades montesías, algúns desalmados oportunistas fan dunha ferramenta de uso tradicional como era o lume, un utensílio de morte e autonegación, alimentando a funesta idea do inmovilismo, da resignación e do clientelismo cavernário. Un cóctel que se ten convertido no pior enemigo destas montañas.

Nuns tempos nos que a depresión económica, social, política e cultural condicionan a nosa capacidade de reacción, neste 2013 voltamos asombrar-nos cunha nova edición do antroido destas montañas. Os folións, unha vez máis, atreboaron os camiños, proclamando a sua negativa a desaparecer. Unha negativa que debemos facer nosa para, por riba de princípios políticos partidistas, traballar por sumar forzas na configuración dun auténtico exército civil galego contra a sexta, a sétima e a oitava extinción que ameazan as nosas comarcas do rural. De Queixa aos Ancares e ao Courel, de Valdeorras ao Xestoso ou a Soneira, armemos un folión de resisténcia pola soberanía e a dignidade. En Allariz, 6 e 7 de Abril, temos unha cita con Avinza e a FRUGA!

(http://www.avinza-gdr15.com/contidos.asp?sec=26

Comentarios