Opinión

Sen Don Paco

Se Francisco Fernández del Riego vivise, este luns chegaría aos cen anos. E por iso e pola matemática e cartesiana construción da realidade, lembrámonos del.Ou quizais non nos lembramos del por iso. Ou quizais o centenario é só un pretexto, un bo pretexto, para lembrar todo o que lle debemos.Porque sen don Paco este país non existiría. Hai que dicilo así. Con todas as letras e con toda a forza.

Se Francisco Fernández del Riego vivise, este luns chegaría aos cen anos. E por iso e pola matemática e cartesiana construción da realidade, lembrámonos del.

Ou quizais non nos lembramos del por iso. Ou quizais o centenario é só un pretexto, un bo pretexto, para lembrar todo o que lle debemos.

Porque sen don Paco este país non existiría. Hai que dicilo así. Con todas as letras e con toda a forza. Este país non existiría. O que algúns entendemos por este país. Sen don Paco e outros coma el (Isla Couto, Piñeiro, Otero Pedrayo, Fermín Penzol...) resistindo no máis negro do negrísimo tempo escuro neboento griseiro tristeiro fedorento franquista, sen eles aguantando, xogándose literalmente a vida por manter viva a idea da Galicia de antes do golpe de estado fascista, a bandeira da lingua, a idea de nación, etc. nós non seríamos. Non estariamos aquí. Eu escribindo en galego. Este propio medio de comunicación en galego non estaría.

Sen don Paco non existiría o Cunqueiro en galego que el convenceu para que puxese a fabular a Merlín na lingua de nós. E non existiría, no punto grande ao que chegou e esperamos que siga, a Penzol como gran centro referencial da cultura galega, o arquivo brutal ao noso servicio. E sen don Paco non existiría a Editorial Galaxia, na que por fortuna traballo, non tendes nin idea do afortunado que me sinto de poder formar parte dese proxecto de vida que arrincou en 1950, e que é moito máis ca unha empresa editorial. É o soño de xentes coma Fernández del Riego que soñaba en cores cando o resto o facía en branco e negro, que procuraba o Grial cando o NO-DO era a biblia.

Non estaría nada mal, pero nada de nada mal, que neste país de paisciños, os partidos políticos, todos, entenderan en que consistiu a súa xenerosidade, a del e a da súa xeración, traballando, sen pedir absolutamente nada a cambio, por este país. E que fixesen súa esa xenerosidade. Que a interiorizasen como un facho a seguir e como un modelo de comportamento desexable.

Sabemos que dentro doutros cen anos lembraremos a Francisco Fernández del Riego, inventor do Día das Letras Galegas, impulsor da Real Academia en tempos de esmorecemento dunha institución que daquela tiña vocacón de mausoleo arqueolóxico. E de tantas e tantas outras cousas.

Porque sen Francisco Fernández del Riego, nin ti nin eu seriamos.

Comentarios