Opinión

Semana Santa

Como ferrolán, e desde a perspectiva de mero observador


Como ferrolán, e desde a perspectiva de mero observador, non podo negar a evidencia do que para a cidade supón a Semana Santa. Durante eses días, son milleiros –hai estudos que falan de que a poboación, 70.000 habitantes, se triplica nesas datas- as persoas que visitan ou volven a casa eses días e que ateigan as rúas, moitas para seguir unhas procesións moi arraigadas e dunha certa relevancia histórica, mesmo para o conxunto do país, e outras moitas tamén para gozar dun breve periodo vacacional coa familia e as amizades. Non hai que esquecer que a Semana Santa ferrolá é de interese turístico internacional e que esa categoría reporta importantes beneficios para os sectores relacionados co turismo, incluídos o comercio e a hostalería. Obxectivamente, a imaxe de Ferrol eses días –como tamén no Nadal o nas festas do verán- muda radicalmente e substitúe esoutra que vivimos o resto do ano: rúas semidesertas, baixos comerciais pechados, edificios abandonados ou ruinosos... Hai días que Ferrol semella unha localización de “The Walking Dead”.

Hai días que Ferrol semella unha localización de “The Walking Dead”

A Semana Santa é, por iso, unha especie de oasis nunha cidade deprimida. Loxicamente, o papel das confrarías é moi importante nesta imaxe esporádica de Ferrol. Sabedor desa realidade, o Concello venas subvencionando nos últimos tempos con 75.000 euros, aos que hai que engadir outras achegas económicas institucionais como os 40.000 euros da Xunta para a promoción do evento e colaboracións “en especie” como a da Deputación da Coruña. A decisión do goberno local –integrado por Ferrol en Común e PSOE- de reducir esa partida directa –a mesma política que quer aplicar con outras entidades- e completala con contribucións doutras administracións –outra vez Xunta e Deputación- foi aproveitada polo Partido Popular para presentar unha moción “en defensa da Semana Santa”, deslizando un argumento que, lamentabelmente, calla en boa parte da veciñanza da cidade: que o Concello “quere quitar a Semana Santa”. Reducionismo elevado á enésima potencia.
 
Deixando á marxe o oportunismo do PP local, a realidade é que as confrarías de Ferrol reciben en proporción máis incluso que as irmandades doutras cidades do Estado cunha forte querencia por esta celebración. Un exemplo é Sevilla. Cunha poboación que multiplica por dez a de Ferrol e un orzamento de 750 millóns de euros (polos 54 de Ferrol), o Concello andaluz destina arredor de 126.000 euros á Semana Santa, unha partida que se disparou a partir de 2013 pola decisión do alcalde “popular” Juan Ignacio Zoido de incluír nela 75.000 euros para lles ofrecer ás bandas de música locais de ensaio axeitados. Pola súa banda, a xunta xeral de confrarías de Ferrol vén recibindo 75.000 euros só de achega municipal. Calculen vostedes mesmos, é unha simple regra de tres. 

Comentarios