Opinión

Segundo Feijóo, no iate con Dorado viaxaba o bipartito

O relato de Feijóo é invariabelmente exculpatorio.

O relato de Feijóo é invariabelmente exculpatorio. El nunca é responsábel de nada. Baltar Junior dicía este día que el non pon a man no lume nen por seu pai. Feijóo non é tan solipsista. Non é tan individualista como Baltar Junior (que en todo caso supomos si poría a man no lume por si propio), non esquezamos que semanas atrás afirmara que el só responde polos seus conselleiros. Reparemos que el é o presidente do PPdeG, non só o da Xunta. Nen por iso. El só responde polos seus conselleiros. De Monte Pío para abaixo, todos á fogueira (alcaldes, concelleiros, cargos orgánicos...). Solidario co pasado do partido? Solidario con Manuel Fraga? Tampouco. Lembremos: Feijóo tense fartado de repetir que a mediados dos 90 -cando Crespo enchía de cartos galegos as arcas de Bárcenas- el non militaba no  Partido Popular.

En realidade, Feijóo só ten neste momento un obxectivo. Amortizado definitivamente como hipotético sucesor (Rajoy pachorrento fúmase o enésimo charuto e agarda que Rubalcaba resista, para el ao final presentarse tamén, finxindo desgana e até aborrecimento), o único propósito que anima agora ao líder do PP galego é sobreviver.  Continuar. Para que? Simplesmente para continuar. Os políticos posmodernos están en política exclusivamente para ocupar un espazo. Para que outros non ocupen o que eles ocupan. Para empregar as súas mesnadas, tamén. No caso de Feijóo, a conexión co Opus Dei vía Romay Beccaría é nidia. Por algo Fraga (tradicionalmente aliñado na facción da dereita non opusina) prefería a Xosé Manuel Barreiro como sucesor, despois de ver que nen el como patrón tiña opción algunha de impor a Xosé Cuíña.

Parapetado detrás do escudo da imprensa amiga, Feijóo vira as sesións de control ao Goberno en sesións de control á oposición

Feijóo quer continuar. Claro que si. E aí está, parapetado detrás do escudo da imprensa amiga, virando as sesións de control ao Goberno en sesións de control á oposición. Nen unha soa das perguntas relevantes que lle formularon os portavoces da oposición acharon resposta. Quen pagaba as viaxes? Cando rematou realmente a relación con Marcial Dorado? Por que en 2003 si achaba razoábel demitir polas fotografías co narcotraficante e, unha década despois, cando están a lixar a imaxe de Galiza, non? Por que a Administración baixo o seu control contratou empresas de Dorado cando este xa fora prendido polo xuíz Taín por narcotraficante? Por que non cesou a Pablo Crespo do consello de administración de Portos de Galicia cando o ex secretario de Organización do PP galego representaba a consellaría da que Feijóo era titular, Política Territorial?

Nunha democracia minimamente avanzada non sería concebíbel que un presidente se mantivese no cargo sen contestar xa non todas, mais só unha desas perguntas. Acontece que en Galiza a democracia está baixo mínimos, polo control que o Goberno exerce sobre a información, quer no ámbito dos meios públicos quer no dos privados. Niso Feijóo si aprendeu moito de Fraga. A esa blindaxe mediática encoméndase Feijóo para sobreviver.

Mas a realidade é teimuda e Feijóo, por moito que se empeñe no contrario, ten un pequeno problema. No iate do narcotraficante non viaxaba o bipartito. No iate do narcotraficante viaxaba el. E iso destácao até a imprensa do que expertos na materia teñen cualificado como un narco-Estado, os Estados Unidos de México.

Comentarios