Opinión

O sector lácteo pasa á ofensiva

Felizmente, algo se move no sector lácteo.

Felizmente, algo se move no sector lácteo. As mobilizacións comarcais decorridas estes días e a nacional convocada para o día 7 en Compostela -unha marcha á que están chamados até 5.000 tractores para se concentraren na capital da Galiza até o día 10- mostran a vontade de loita dun sector estratéxico non só para o agro galego, mais tamén para o conxunto da economía nacional. 

O detonante desta mobilización ten sido a falta de vontade política do Goberno español para procurar unha solución ao problema xa endémico do control monopolístico do mercado do leite pola industria. Nas últimas semanas tense constatado como Madrid non quer promover no Estado un proceso de negociación como o verificado en Franza, a instancias do poder político. París si considera o sector primario como estratéxico, consciente de que ningunha economía verdadeiramente desenvolvida pode existir sen ter garantido certo degrao de soberanía alimentar. E en función desa concepción, o Goberno francés ten encoraxado conversas entre produtores e industria. O resultado, a fixación dun prezo mínimo do leite que garante a rendibilidade da produción. 34 céntimos por litro, unha cifra que se acha a distancia sideral da que se cobra na Galiza: no noso país, hai até 3.000 granxas que perciben menos de 25 céntimos.

É obvio que o PP está a anos luz do nacionalismo, mais nesta materia nin sequer se comporta como faría un partido rexionalista que defendese os intereses materiais das súas e dos seus connacionais

Por que o Goberno español se nega a acompañar os pasos do seu homólogo francés? Porque para Madrid o sector lácteo é residual e porque a Xunta da Galiza actúa neste asunto como mera correa de transmisión do Estado. É obvio que o PP está a anos luz do nacionalismo, mais nesta materia nin sequer se comporta como faría un partido rexionalista que defendese os intereses materiais das súas e dos seus connacionais, moitos delas e deles votantes dese partido. Non, entre as ordes de Madrid e as demandas de gandeiras e gandeiros deste país o PPdeG (por certo onde está Feijóo neste debate?) fica con aquelas.

Neste contexto as mobilizacións son a única vía para obrigar o PP a mudar a súa política en relación ao sector lácteo.

Comentarios