Opinión

Saúde e océano !

Hai un ano principiaba a aventura. Ese ritual de saudar o mundo a través dos ollos do noso país: Sermos Galiza.Enxurrada de vida. O  trebón da realidade que soborda a visión estreita da prensa rexionalista dominante. 

Só unha fenda, si.  Mais as fendas cativas son as que escachan os muros dos máis altos conténs.

Sopran duros os coriscos. Os mercados mandan máis que os pobos. Négasenos día a día a nosa propia condición de cidadáns. Crise, crise a eito, medo, inacción, desacougo, desfeita constante nos medios de comunicación tradicional

"Enxurrada de vida. O  trebón da realidade que soborda a visión estreita da prensa rexionalista dominante". 

Diante de tanta repunancia,  eis a nosa resposta: as persoas.

Novecentos accionistas, mulleres e homes, a lle dar vida a esta aventura.

Humildade e vehemencia que segue avanzar boca a ouvido. As persoas, enerxía constante e cotiá para recoñecérmonos na diversidade da nosa nación.

E sobre todo, cómpre hoxe parabenizalos,  un fato de nov@s xornalistas que con medios moi modestos -mais dignos- están a desenvolver traballo e talento no seu país.

Xa o dixo Staffan Mörling: Galiza non é un fin da terra, é un centro do mar. E por iso Sermos Galiza é tamén antena dimensional a dialogar cos pobos de todas as latitudes, nomeadamente con aqueles cos que compartimos a palabra. Un dos fluxos de comunicación máis importante do planeta que tantas veces se nos negou: a lusofonía ou -por utilizar unha denominación máis propia coa historia da lingua- a fecunda galeguía.

"Sermos Galiza é tamén antena dimensional a dialogar cos pobos de todas as latitudes, nomeadamente con aqueles cos que compartimos a palabra".

Aínda está a comezar a ruta. Sermos Galiza xa é un medio de referencia.  Mesmo para todos os agoiros que anunciaban a debacle  antes de empezar. Referencia tamén para esa prensa rexionalista dominante, a que dende hai décadas se empeña en explicar esta parte do mundo sen querer ver unha vizosa realidade: Galiza.

Hai un ano principiaba a aventura.  Viaxe solidaria con todos os outros portais que fan en galego información.  
Como  dixo Alexandre de Fisterra, de remate…que continúe ! Ou en palabras de Avelino de Corón, está subindo a marea, ti non quedes varad@ en seco.

Comentarios