Opinión

Santiago non é a única peza en xogo

A situación política no concello de Santiago é escandalosa e insostíbel.

A situación política no concello de Santiago é escandalosa e insostíbel. Altos cadros do PP recoñéceno en privado. Porén, Feijóo non actúa e interpreta aquí o papel de Rajoy na trama Bárcenas: deixar que o tempo corra, que se esgoten os prazos.

É esperpéntico ver o alcalde da capital da Galiza, imputado el propio, demandar ao seu partido que faga unha excepción na aplicación do seu código ético. Admite implicitamente Currás que a actuación dos seus edís foi inmoral, até o punto de violar inclusive as normas das que se ten dotado o PP. E porén, Currás afirma que non vai cesar a ninguén.

Por que axe Feijóo así? Esa é a cuestión clave. Só ten unha explicación: Santiago non é a única peza en xogo. Despois de Santiago -que o PP xa dá por amortizada-, viría A Coruña, o principal bastión do feijonismo na Galiza. E esas xa son palabras maiores. Se caír tamén Carlos Negreira, a seguinte peza no efecto dominó en virse abaixo para o PP sería a Deputación da Coruña. Demasiado estrago para un partido que, todos os indicios cantan, atopa nas institucións a principal vía de financiamento. E se iso é así con carácter xeral éo de forma moito máis notoria na provincia da Coruña, teledirixida, non o esquezamos, polo único cadro político que tivo a ver coa contabilidade do PP que até agora non se viu salpicado polo escándalo, Romay Beccaría. Romay Beccaría, o señor do Opus Dei na estrutura partidaria, o padriño político de Feijóo.

Despois de Santiago -que o PP xa dá por amortizada-, viría A Coruña, o principal bastión do feijonismo na Galiza. E esas xa son palabras maiores

As responsabilidades políticas da dirección do PP neste asunto son evidentes. Feijóo é o presidente do partido na Galiza e a súa inacción faino corresponsábel de condutas non propias dunha organización democrática. A que agarda Feijóo? A que escampe e a que a imprensa amiga manteña a súa blindaxe, esparexendo o lixo e criando a sensación de que tod@s son iguais.

Mais non tod@s o son: a equipa de goberno con todos os seus membros imputados da capital da nación está integrada por concelleiras e concelleiros do PP e quen os sostén politicamente -agardando que talvez instancias superiores xudiciais acudan ao resgate e que todo fique en nada- tamén é do Partido Popular.

Se Feijóo non axir, a sociedade galega acabará concluíndo que PP e corrupción son sinónimos.

Comentarios