Opinión

Samia soñou olímpicas bandeiras

Chamábase Samia e morreu hai uns días, engulida polo Mediterráneo, cando viaxaba nun caiuco en dirección a Italia coa idea de desenvolver alí unha carreira deportiva á altura das súas posibilidades. Era olímpica. Estaba, malia as dificultades, entre as mellores atletas do mundo.

Chamábase Samia e morreu hai uns días, engulida polo Mediterráneo, cando viaxaba nun caiuco en dirección a Italia coa idea de desenvolver alí unha carreira deportiva á altura das súas posibilidades. Era olímpica. Estaba, malia as dificultades, entre as mellores atletas do mundo.

Era somalí e a pesar de ter perdido a seu pai sendo ela moi nena nunha desas eternas guerras que anegan de morte e tristura, co noso consentimento, a pel infectada de esquecemento de Africa, declarouse, despois de ser a abandeirada de Somalia nos Xogos de Beijing, emocionada e feliz por ter representado ao seu país nun evento tan importante.

Volveu dos Xogos marabillada e segura de que pagaba a pena tentar sorte, mar bravo polo medio, en Italia. Primeiro habería que entrar. Despois, loitar por facer esa carreira deportiva soñada.

A súa nai, coma sempre as nais, vendeu un terreo para conseguir os cartos que os mercadores da dor esixìan para darlle praza na embarcación da desesperanza. E alí subiu, de certo que si, soñando olímpicas bandeiras, pechando os ollos entre onda e onda, para tragar o medo, maxinándose no podio, agachando o corpo para pendurar do pescozo un metal laureado.

E polo pescozo colleuna o mar. Tirou fondo para abaixo. Samia tentou un esforzo derradeiro, igual ca nun sprint a vida ou morte nos metros finais dunha carreira con obstáculos de máis.

E gañou a morte, claro. Ela sempre gaña na carreira contra os pobres.

Quizais, cando esa morte xa lle viña chegando, diante dos seus ollos se abriron as portas dun estadio olímpico perfecto.

E sentiu que estaba na final dos 200 metros (esa era a súa proba). Competía, en pé de igualdade contra doutras atletas do mundo. Ningunha delas gozaba da vantaxe dos patrocinios, dos ingresos publicitarios, dos fisios e a alimentación coidada dos deportistas de elite do primeiro mundo. Eran un grupo de mulleres coma ela. Competían coma iguais nun mundo igual sen caiucos.
Quizais esta era a súa carreira...

No intre exacto no que soñou o soño do disparo que daba comezo á carreira, o mar papouna enteira.

Caendo cara o profundo, aínda foi quen de escoitar os berros felices daqueles nenos e nenas que, nunha afastada aldea de Somalia,un día da súa infancia berraban, orgullosos, o nome de Samia, a atleta vitoriosa que había chegar, algún día, moi lonxe.

Comentarios