Opinión

Salvemos Galiza?

No libro de Antón Baamonde A derrota de Galicia fálase, entre outras cousas, de asédio centralizador de difícil resisténcia, de fortísimo proceso de dilución da identidade nacional e de morte do feito diferencial galego. Noutro libro, este de Xavier Vence, Crise e fracaso da Unión Europea neoliberal. Unha alternativa soberanista e democrática, analisando o contexto da crise poliédrica que padecemos e atendendo ás intencións do capitalismo europeo, fálase de “desertificación económica da periféria”, “incrementos dos fluxos migratórios”, etc.

No libro de Antón Baamonde A derrota de Galicia fálase, entre outras cousas, de asédio centralizador de difícil resisténcia, de fortísimo proceso de dilución da identidade nacional e de morte do feito diferencial galego. Noutro libro, este de Xavier Vence, Crise e fracaso da Unión Europea neoliberal. Unha alternativa soberanista e democrática, analisando o contexto da crise poliédrica que padecemos e atendendo ás intencións do capitalismo europeo, fálase de “desertificación económica da periféria”, “incrementos dos fluxos migratórios”, etc.

Nestes dias anda pola rede un vídeo que clama pola salvación de Galicia. Reférese o colectivo autor desta iniciativa ao obxectivo de impedir  que o país se converta no prédio das multinacionais espoliadoras da megaminaría. O cal é mui digno e necesário.  Mais non caen estas xentes que Galiza xa é un grande cráter aberto cara o ceo. Un vasto cráter polo que se precipitan anualmente milleiros de labregos e labregas, mariñeiros, operários do naval, mozos e mozas, pequenos comerciantes, etc., etc.  Un cráter que actúa como grande burato negro que absorbe matéria e enerxía humana, ante a inércia fratricida e irresponsábel de quen debera preocuparse polo seu país.

"Deseñan un plano a medio prazo no que sobra tanto a nosa base produtiva tradicional como a poboación na que residen os nosos sinais de identidade".

Un proceso irrefreábel de terciarización da economía, de desmantelamento da base produtiva, de espólio dos recursos naturais. Os cálculos do neoliberalismo salvaxe e depredador europeo falan de que sobra poboación no noso rural. Deseñan un plano a medio prazo no que sobra tanto a nosa base produtiva tradicional como a poboación na que residen os nosos sinais de identidade. Proxectos de megaminaría como Corcoesto son ben recebidos, porque contribuirán, como dí o meu amigo de Adega Fins Eirexas, á extirpación da poboación dos eidos que serán pasto das multinacionais.

Megaminaría, cultivos enerxéticos para celulosas e centrais de biomasa, granxas acuícolas, granxas de visóns (25 aterrarán o próximo ano desde Holanda, que renuncia á sua indústria peleteira para recoloca-la nesta nova província do Império), incéndios forestais, incineradoras, .. un país sumido, rendido, exsangüe.., ese será o resultado de non enfrontarmos o crecimento a cada paso maior dese inmenso cráter que conforma o noso país.

"Frente iso, por un lado encontramos o eterno exército de recolledores de sinaturas e por outro lado, unha pequena brigada soberanista"

Frente iso, por un lado encontramos o eterno exército de recolledores de sinaturas, organizadoras de festivais e ritualistas de mani-festa-acción. Se incordiaren, un sopro do furacán depredador bastaría para varrer estas loábeis intencións. Por outro lado, unha pequena brigada soberanista que, como nas películas circenses, lanza un cable por riba do grande cráter para facer funambulismo político, coa vara de equilíbrio chea de ananos e figuríns en constante pelexa, animando aos do fundo do cráter a subir pola corda redentora lanzada en incríbel posición de equilíbrio.

Mentres, a resisténcia entusiasta que non quere perder o tempo en enredos, enfróntase a peticións de prisión descomunais, próprias das exarquías romanas.     A María, Antón, Eduardo e Teto, réstalles o escárnio e o castigo exemplarizantes. Para vós unha fraternal aperta.

Só serve baixar ao cráter. Dialogar, convencer, organizar o levantamento desde a base, iniciar o movimento colectivo de redención, un auténtico apostolado nacional que conduza, tarde ou cedo, á toma de conciéncia popular. Non sei qué papel reservar aos partidos políticos. Pertenzo a un. Pero se me queren encontrar, xa se sabe, abaixo, ao fundo, no cráter…. 

Comentarios