Opinión

Saímos

Saímos. Hoxe unha voz rompe a falar con forza, insubmisa. Como tantas veces noutros momentos da nosa historia, sempre resistíndomos ao silencio forzado que teiman en nos querer impor. Saímos, porque a Galiza o estaba a precisar, porque o demandaba. Recuperamos aquí as palabras que lanzamos ao vento cando presentamos a iniciativa social Sermos Galiza, e que foron recollidas por centos de corazóns xenerosos.

Saímos. Hoxe unha voz rompe a falar con forza, insubmisa. Como tantas veces noutros momentos da nosa historia, sempre resistíndomos ao silencio forzado que teiman en nos querer impor. Saímos, porque a Galiza o estaba a precisar, porque o demandaba. Recuperamos aquí as palabras que lanzamos ao vento cando presentamos a iniciativa social Sermos Galiza, e que foron recollidas por centos de corazóns xenerosos. Diciamos que a existencia e consolidación dun espazo galego de comunicación é condición necesaria para asegurarmos un espazo de decisión propio a camiño do pleno autogoberno. E que por iso, precisamos de nos dotar de medios de comunicación que teñan como referencia Galiza e que partillen o proxecto de nación, de ser e actuar desde nós mesmos.

Proclamabamos que o noso obxectivo é respondermos ás ansias informativas desa multitude que aspira á soberanía e que demanda, coherentemente, medios de comunicación propios, que transmitan a conciencia de sermos unha nación, de sermos Galiza. Que precisamos medios que interpreten a realidade en termos galegos e non con ollada estatal nin europea. E precisámolos porque a Galiza, historicamente marxinada, ten os seus propios intereses e a súa peculiar maneira de estar no mundo.

E acrecentabamos aínda que neste tempo, desmesurado e voraz, unha multitude levanta o seu clamor para demostrar a súa firme crenza na forza creativa do entusiasmo, na afouteza de estar constituída por suxeitos que defenden unha idea e non os seus particulares intereses. Sabiamos que quizais o termo multitude parecese excesivo cando as consignas do pesimismo insisten en que todas as posibilidades de cambio social están consumidas. Mais tamén que o concepto de multitude está impregnado de pluralidade, de heteroxeneidade, e encarna o desexo de transformarmos Galiza cun proxecto colectivo, vital, diverso e creativo.

Por iso eramos conscientes de estarmos perante un proxecto único, o de elixirmos o noso destino, o de sermos unha multiplicidade de persoas a se expresaren libremente, negándose a que desde fóra lles conten a realidade: unha morea de resistentes coa ilusión de SERMOS GALIZA.

Hoxe unha parte dese obxectivo comeza a se facer realidade. Saímos, un 26 de abril de 2012. Tal día como hoxe, 166 anos atrás, apagábese en Carral a voz dos 'Mártires da Liberdade'. Hoxe recuperámola para proxectala ao fututro. Porque un fío invisíbel de amor á Galiza e á liberdade nos une a todas as persoas que nese tempo falaron cando foi preciso. Hoxe queremos cumprir o compromiso de vos dar a palabra para, tod@s xunt@s, sermos a voz que a Galiza precisa.

Comentarios