venres 07/08/20

Rúa da Terra, A Caeira: A toponimia da liberdade

Galiza é un País con nome propio desde hai millares de anos. E as persoas que aquí habitamos puxemos nome a cada río, a cada árbore, a cada cuarta de terra, a cada pedra do mar. 

Galiza é un País con nome propio desde hai millares de anos. E as persoas que aquí habitamos puxemos nome a cada río, a cada árbore, a cada cuarta de terra, a cada pedra do mar. Porque cada cousa, igual que cada persoa, ten un nome. E hai nomes que teñen unha significación especial no camiño da liberdade que como pobo procuramos. Un nome labrado ao longo da nosa historia. A Ponte do Pasatempo, A Caeira ou a Rúa da Terra, topónimos que condicionaron a vida do país e que permanecen vivos no ideario colectivo; topónimos que, por máis que os españolicen, seguen exhalando ese aroma a sangue derramado pola liberdade.

Nesta semana, entre o 12 e o 17 de agosto, o nacionalismo galego conmemora dúas efemérides en torno as figuras de Reboiras e Bóveda.
Unha e outra -separadas só 5 días- rememoran o intento de acabar co nacionalismo por medios violentos. Nun caso – o de Bóveda e os millares de vítimas do franquismo que o alcalde de Baralla considera mortes merecidas e o Partido Popular nunca condena- o nacionalismo histórico; no caso de Reboiras, o seu asasinato -mera continuación dos paseos do fascismo- pretende ao mesmo tempo continuar os crimes do réxime e cortar de raíz o nacemento da nacionalismo actual.

Sermos Galiza quere ser unha ferramenta para a liberdade da Galiza, para a soberanía, para a independencia da nosa nación, para a construción dun Estado propio que garanta a capacidade plena de decidirmos sobre o noso futuro

No acto de Ferrol en lembranza de Reboiras evidenciouse que o que nos está a acontecer como pobo non é unha casualidade: é froito da dependencia a que se ve sometida a Galiza; e non é fatalidade, é unha das arestas vivas do colonialismo.
Para facer fronte a isto só hai unha alternativa: a soberanía que nos permita libertarnos  da dependencia española. Así se falou en Ferrol. Posiblemente en Pontevedra, o día 17,  os discursos se centren en ideas similares.

Sermos Galiza tamén quere ser unha ferramenta para a liberdade da Galiza, para a soberanía, para a independencia da nosa nación, para a construción dun Estado propio que garanta a capacidade plena de decidirmos sobre o noso futuro. E sabemos que non abonda con desexar que isto suceda. A soberanía hai que a ir construíndo día a día, con constancia, con perseveranza, con conciencia do momento en que vivimos.
Só así poderemos facer fronte a un presidente do goberno do estado que mente; a unha ministra de traballo que anima a cidadanía á denuncia e ao chivatazo; a un fillo de Aznar -aquel presidente que inventou unhas illas para conquistar- que se vai lucrar do desmantelamento das Caixas Galegas e mesmo dunha Igrexa Católica-garante da moralidade- que xa non aplica o principio ético fundamental que di que non queiras para os demais o que non che gustaría para ti.
Reboiras e Bóveda morreron asasinados. Son só dous exemplos dos varios millares aos que se lles arrebatou a vida por pensaren diferente e por acreditaren nun futuro mellor para a Galiza. Definitivamente, este modelo político e social está morto, non nos serve, non nos convén. Só sendo donos do noso destino, sendo pobo soberano, teremos futuro.

Rúa da Terra, A Caeira: A toponimia da liberdade
comentarios