Opinión

Roubo a “man” armada

Na semana na que a Liga deu traslado á fiscalía anticorrupción do posible amaño do Deportivo - Levante, onde o equipo coruñés goleou por un claro 4-0 ao valenciano, chegou a estafa arbitral.

Na semana na que a Liga deu traslado á fiscalía anticorrupción o posible amaño do Deportivo - Levante, onde o equipo coruñés goleou por un claro 4-0 ao valenciano, chegou a estafa arbitral. Os de Vázquez foron sinalados de xeito vergoñento, sen teren nada que ver no chalaneo, porque de haber algo, se houbo, puido ser un presunto e particular “asunto” dos xogadores levantinos sen que os do Deportivo nin o clube herculino foran conscientes. Fraude nas apostas deportivas? Que a fiscalía risque.

Pero mentres o nome do Deportivo quedou, sen ter nada que ver, emborronado por unhas declaracións dun tal Barkero que lanza penaltis para facelo mirar, chegou o partido do latrocinio. Si, o do Deportivo contra o Atlético de Madrid.

Se xa era complicado enfrentarse a un dos mellores e máis perigosos Atléticos dos últimos anos con sensibles baixas por lesión, sanción e asuntos contractuais, apareceu Ayza Gámez, que asinou o saqueo no estadio deportivista.

Comezou o roubo cun derrubo de Miranda a Bruno Gama. Si, porque aquilo foi como unha demolición. Como non se pode ver iso? O defensa madrileño puxo a perna con intención  de derrubar e conseguiu o que pretendía. Por riba unhas cámaras indiscretas pillaron unha conversa dos defensas atléticos onde Miranda confesa a punibilidade da acción.

Nin árbitro nin asistente estaban alí para condenar a caída.

Os xogadores do Deportivo reclamaron unha man de Godin na segunda parte, que freou un balón coas mans para conseguir controlar un centro colgado que buscaba a Riki. Valerón, que daquela estaba aí, observando o que pasaba, viuna moi clara. Ayza e o liña, non.

Unhas cámaras indiscretas pillaron unha conversa dos defensas atléticos onde Miranda confesa a punibilidade da acción.

E cando o  partido expiraba, chegou a carreira de Evaldo, o seu disparo a porta encontrou a descarada man de Juanfran, que desde a capital tratan de disfrazar con unha coartada: o balón golpeoulle na cara e non no brazo. Ayza Gámez e o liña tampouco tiveron lentes para o ver.

Pero na Romareda o sentido arbitral foi máis benevolente. O sospeitoso Zaragoza volve sacar cabeza, axudado cun penalti noxento, porque a presunta pena máxima é consecuencia dun balón que impacta claramente na coxa dun central do Raio. Pero foi, para Teixeira Vitienes, un penalti claro.

A Teixeira e a Ayza uns meses de refresco non lles viña mal.

E os penaltis existentes e non pitados en Riazor, por un lado, e o penalti inexistente e forzado, polo outro, poñen ó Deportivo nos postos de descenso e o Zaragoza na sospeitosa órbita da salvación, outra vez. A fiscalía observará tamén as casualidades mañas dun ano para outro?

A fiscalía observará tamén as casualidades mañas dun ano para outro?

A penosa decisión arbitral desta fin de semana, apenas deixa lugar para unha reflexión máis futbolística. O Deportivo salvou un partido crítico grazas a un partido moi correcto. Sen Marchena, sen Abel Aguilar, sen Silvio, sen Pizzi... O equipo de Vázquez deixouse a pel ante un Atlético moi potente, moi correoso e moi perigoso. Manuel Pablo, Valerón e Juan Domínguez estiveron soberbios. Rozaron o dez. Un dos administradores concursais comentou na Radio Galega na semana que xa pasou que a estes xogadores habería que facerlles un monumento en vista do rendemento que ofrecen malia os problemas económicos que sofren.

Quedan catro finais. Catro partidos que son como finais. Os de Vázquez teñen que gañar, polo menos, dous partidos para que o #pódese sexa unha realidade.

Próximo encontro. Sábado ás 18:00 en Valladolid. Haberá unha marea branco e azul en Castela.

Comentarios