Opinión

Roberto Vidal Bolaño en perspectiva

O autor en quen se conmemoran as Letras Galegas de 2013 deixou, poucos anos antes do seu pasamento, unhas interesantes reflexións que neste ano de florilexio institucional cara á súa figura cómpre traer á actualidade.

O autor en quen se conmemoran as Letras Galegas de 2013 deixou, poucos anos antes do seu pasamento, unhas interesantes reflexións que neste ano de florilexio institucional cara á súa figura cómpre traer á actualidade. Están recollidas no título da súa intervención, titulada “Perspectivas do teatro galego actual” —non ten perda asemade a transcrición da mesa redonda na que participou— , editada nas Actas das I Xornadas das Letras Galegas en Lisboa, celebradas en maio de 1998, e cuxo volume se publicou ao ano seguinte. Coido que se pode dicir, sen medo a se trabucar, que a súa declaración constitúe un auténtico testamento, de oficio e beneficio, claro é.

Naquel intre constataba que estaban a agromar, na escena galega, moitos dos soños, dos esforzos e das tentativas máis fecundas en prol da consolidación dun teatro propio. Mais isto non lle impedía enxergar algúns males, que denominaba, endémicos da sociedade galega, dos cales se anotan algúns a seguir.

A esquizofrenia lingüística de boa parte desta. Xa que o simple feito de a palabra teatral ser enunciada en galego é causa, como apuntaba, de considerar un importante sector da dita sociedade que non se dirixe a ela ou mesmo que se fai en contra dela.

A carencia dun proxecto englobante central para o teatro por parte das nosas institucións públicas. E cítase o exemplo de se conseguiren extraordinarios edificios teatrais de propiedade e de xestión pública, nas principais cidades galegas¸ o cal non redunda en absoluto nunha mellora —se non máis ben en todo o contrario— das condicións creativas das xentes do teatro ou da relación entre a súa obra e os cidadáns.

E neste aspecto convén non esquecer —xa na actualidade— a desaparición de salas emblemáticas, como a compostelá Nasa, ou ben o despilfarro de recursos públicos en fogos de artificio que supón o mantemento da Cidade da Cultura —dramático, mais non teatral—.

"Convén non esquecer —xa na actualidade— a desaparición de salas emblemáticas, como a compostelá Nasa, ou ben o despilfarro de recursos públicos en fogos de artificio que supón o mantemento da Cidade da Cultura"


Os prexuízos defendidos polos detractores do noso teatro obedecen, na súa concepción, a dous tipos: a) ao autoodio e ao asimilacionismo militante, por parte de quen non consideran que o galego poida enunciar discursos que se inscriban na contemporaneidade; b) ao feito de carecermos dunha tradición teatral recoñecíbel.

A cativeza de miras de moitos estudosos, que só interpretan que por teatro se poida entender hoxe a súa forma burguesa, couta, asemade, nunha ollada diacrónica, a consideración da existencia dunha escola bufonesca ou xograresca de semellante importancia á trobadoresca. Mais que a súa perecedoira condición teatral imposibilitaría a perpetuación escrita dela.

O infame labor da televisión pública deriva dos criterios parciais e comerciais empregados, consistentes en gravar os espectáculos producidos por compañías que lle ceden todos os dereitos de por vida a cambio de publicidade. E isto trae como consecuencia que se graven espectáculos de autores mortos e que xa son de dominio público e que queden sen gravación os dos autores vivos.

O feito de que moitos directores de teatro sexan tamén empresarios condiciona negativamente o feito escénico. E isto débese á negación, pola súa parte, de asumiren a capacidade do teatro para cumprir unha función social fundamental, que é a de provocar reflexións e olladas críticas sobre a realidade. Que por que? Pois por saberen que isto non lle é grato ao poder, que actúa de cliente en exclusividade.

Son estas algunhas das reflexións en voz alta dun gran personaxe da escena galega, de quen cómpre, sen dúbida, reivindicar e amplificar a súa visión. Tanto máis se temos en conta o desamparo institucional, o baleiro informativo e a asfixia orzamentaria —como mostra evidente repárese en que os cartos destinados ao galego en 2013 só suporán un 0,06% do orzamento da Xunta— que tenta anular a nosa voz.

Ao fío dos acontecementos que, por forza, se han suceder convén estarmos observantes coa banalización do discurso e coa manipulación dende un poder establecido que (re)nega a auga e o pan ao máximo sinal da nosa identidade. Como, a calquera hora, está a acontecer con outras das principais figuras das nosas letras: o discurso institucional dende a casa de Rosalía de Castro; a liturxia política perante o sartego de Castelao; a declaración de clausura de Cultura do ano Celso Emilio Ferreiro.

"Convén estarmos observantes coa banalización do discurso e coa manipulación dende un poder establecido que (re)nega a auga e o pan ao máximo sinal da nosa identidade".



Nas palabras de Roberto Vidal Bolaño, que moi en síntese se actualizaron neste artigo, cobraba tamén vida o acento fondo do compromiso de Federico García Lorca: “o teatro que non atende á pulsación social, á pulsación histórica, ao drama do seu pobo e á xenuína cor da súa paisaxe e do seu espírito, a través do riso ou das bágoas, non ten dereito a se chamar teatro”. “Un pobo que non axuda e non fomenta o seu teatro, se non morreu aínda, está moribundo”.

Velaí, polo tanto, o sentir, acotío posto en práctica, dunha figura que, ben lonxe do que algúns puideran pensar, está de actualidade por diversas razóns. Cómpre, entón, estar vixiantes e non permitir que se siga desvirtuando a nosa razón de ser.

Comentarios