Opinión

Ricos para pagar, pobres para merecer

Comeza a campaña electoral. Por diante, 360 horas de exposición pública ás mensaxes con que as formacións políticas concorrentes tentarán atraer a vontade cidadá para que o 21-O os votos corran ao seu rego. Un total de vinte e seis papeletas diferentes, se ben só a metade concorren nas catro circunscricións electorais.

Comeza a campaña electoral. Por diante, 360 horas de exposición pública ás mensaxes con que as formacións políticas concorrentes tentarán atraer a vontade cidadá para que o 21-O os votos corran ao seu rego. Un total de vinte e seis papeletas diferentes, se ben só a metade concorren nas catro circunscricións electorais. Uns comicios condicionados, como nunca antes outros foron, por un contexto social e económico que introduce directamente na campaña temas como a desafección política, a pobreza, o desemprego, a exclusión social, a fenda económica entre clases sociais, a inmoralidade do enriquecemento rápido, a privatización de servizos básicos. E todo en coincidencia co momento en que o goberno de Rajoy presenta os orzamentos do Estado, o instrumento que debería propor os métodos con que corrixir eses problemas e mitigar aquelas desigualdades.

Mais resulta que non é así. Xa o dixo Castelao en 1946 ao se referir á falta de sensibilidade do Estado para cos problemas de Galiza: “os galegos, polo visto, somos ricos para pagar, mais pobres para merecer”.

E aí están, para confirmar o que Castelao manifestou hai sesenta e seis anos, os orzamentos deste ano, cualificados por Feijóo de “responsábeis e realistas” a pesar de que contemplan unha redución de 400 millóns de euros para as contas da Galiza, circunstancia que sen dúbida provocará máis recortes e máis contestación social, ao tempo que confirman a total identificación entre as políticas, e os obxectivos, dos gobernos de Rajoy e o de Feijóo.

Galiza non pode nin debe renunciar ao que lle pertence, porque -e retornamos a Castelao- “ se o pagou, se axuda a enxugar unha anualidade de moitos millóns de débeda pública, contraida en atencións que lle son alleas; se contribúe a cubrir gastos que lle repugnan porque de nada aproveitan; se vén sufrindo as graves consecuencias económicas do arancel protector de outras rexións españolas; se os seus problemas peculiares, pola diferenciacións con que se caracterizan, escapan sempre a iso chamado “intereses nacionais”, será xusto que os poderes públicos fixen a súa atención nas nosas apremiantes necesidades

Comeza a campaña. Por diante, moita manipulación da linguaxe, especialidade e bon oficio da dereita, que logrou tirar por terra toda a terminoloxía da esquerda e facer que soe a vella; que convenceu para que toda toda a sociedade se considere clase media. Un éxito ideolóxico.

Mais ese mundo que debuxan, onde non hai nin pobres nin ricos, senón solidariedade compartida en slogan da Consellaría de Educación, nin tampouco diferentes intereses entre as clases sociais, é aínda máis irreal que a utopía comunista que detestan. Aclárao o multimillonario americano Warren Buffett:

  • Claro que hai loita de clases. Mais é a miña clase, a dos ricos, a que empezou esta loita. E imos gañando”

Buffett aclara tamén que as grandes fortunas nos EUA pagan hoxe menos porcentaxe en impostos que as súas secretarias, e métenos neste novo drama universal: na maioría dos países prósperos, segundo a OCDE, aumentou a desigualdade económica durante as últimas décadas case á mesma velocidade coa que minguaron os impostos para os multimillonarios.

Comentarios