Opinión

A Revolución é a conquista da soberanía

Dous eventos felizmente coincidentes no tempo voltan a pór sobre a mesa un termo sobre o que poucas veces nos debruzamos: o termo Revolución.

Dous eventos felizmente coincidentes no tempo voltan a pór sobre a mesa un termo sobre o que poucas veces nos debruzamos: o termo Revolución. Este 25 de abril fai 40 anos a Revolução dos Cravos. Practicamente en paralelo con esa efeméride, a XXXI Semana Galega de Filosofía analisou en Pontevedra a vixencia da perspectiva revolucionaria, isto é, a hipótese de transformarmos de raíz a nosa realidade.

O reformismo hoxe realmente existente é claudicación fronte ao pensamento dogmático que goberna Occidente, de inequívoca estirpe reaccionaria

A reflexión sobre a oportunidade ou non de abrir un cambio profundo da nosa sociedade dáse xusto cando o reformismo ensina os seus límites. Estámolo a ver na Franza. Un goberno supostamente de esquerdas, en todo caso votado polo electorado para facer políticas progresistas, está a piques de perpetrar un xigantesco corte do gasto público por valor de 50.000 millóns de euros, algo que fai as delicias da dereita neoliberal. O reformismo hoxe realmente existente é claudicación fronte ao pensamento dogmático que goberna Occidente, de inequívoca estirpe reaccionaria, tan reaccionaria que respalda sen ningún escrúpulo os neonazis empoleirados no poder en Kiev.

Nas condicións concretas de Galiza, nada sería hoxe máis revolucionario que avanzarmos como sociedade cara á conquista da soberanía. Nada máis revolucionario que lograr socializar unha evidencia: a soberanía é hoxe sinónimo de democracia, porque non é posíbel a democracia se non se parte do dereito dun pobo a dispor do seu propio futuro, dos seus recursos, do seu territorio, da súa lingua, sen ningún tipo de inxerencia externa.

Na Galiza a necesidade de soberanía é aínda maior pois carecemos de Estado propio

Que foi a Revolução dos Cravos se non unha revolución popular e nacional? Que revolución precisa hoxe Portugal catro décadas despois? A reconquista da súa soberanía nacional perdida a mans da Troika, isto é, da alianza entre o imperialismo norteamericano (FMI) e o alemán (BCE, Comisión Europea).

Na Galiza a necesidade de soberanía é aínda maior, sendo que, a diferenza de Portugal, carecemos de Estado propio.

Dedicamos neste Sermos Galiza un monográfico do A Fondo ao 40 aniversario da Revolução dos Cravos e aplaudimos a afouteza da XXXI Semana Galega de Filosofía por falar do verdadeiramente necesario. E reiteramos: hoxe a revolución, na Galiza, é a conquista da soberanía.

Comentarios