Opinión

Reubicación na encrucillada

Para ninguén é alleo ou estraño, o que a xente percibe como a “esquerda” galega leva décadas en crise e atomización, agudizándose dito proceso nos últimos anos, afogada nunha mare de dinámicas politiqueiras do máis baleiras e incoherentes. Ata aquí chegou, tras o tsunami de imposturas ten que chegar a necesaria reubicación.

O culebrón foi, digámolo sen rodeos, bochornoso e case esquizofrénico. Os que antes se pregonaban como gardadores da quinta esencia do socialismo e soberanismo galego máis firmes, comulgan de repente cos mandatos do nacionalismo espanhol reformista 2.0. Os socialdemócratas galegos “de toda la vida” subordínanse á desesperada e a toda costa ante o seu irmán maior, a socialdemocracia espanhola. E aquela esquerda que segue mantendo unha linha nítida nacional e soberana, pois o de sempre, escisión da escisión da escisión.

Todo isto regado con comportamentos nocivos de todo tipo, onde case sempre parecen imporse os argumentos do electoralismo máis esperpéntico, do sectarismo máis rancio e da instrumentalización partidista dos movementos sociais, xunto con cambios de postura táctica repentinos e inverosímiles.

O contexto no que se dá este culebrón é aínda peor se cabe. A consciencia de clase e nacional está polo chan e gran parte do pobo atópase decimado pola miseria, a precariedade ou o exilio forzoso. E a desesperación sen conciencia leva o rexurdimento de vellos e escuros pantasmas das longas noites de pedra. A “neo” dereita fascista nunca marchou, simplesmente se sente con forza para tirar de novo a máscara de “demócrata de toda la vida”.

Paralelamente o inimigo principal avanza. O neoliberalismo acumula máis poder económico que quizais nunca antes na historia, e con ese poder mantén a súa maquinaria de ideas controladora de mentes e espírito. Así pois, Pepe, o da bar da esquina, crese un señor empresario, e Maruxa, que se levanta ás 5 da manhá para ir á fabrica, cre, como xa llo dicían os seus país, que se os “roxos” chegan ao poder expropiaranlle o seu pisiño que con tanta suor pagou mes tras mes.

Pepe, o da bar da esquina, crese un señor empresario

Namentres a parte do noso pobo máis consciente observa dito culebrón, cunha mestura de cabreo, perplexidade e resignación; queimándose na desperanza ou intentando resistir creando diferentes tipos de alternativas reais, fronte á inxustiza que sufrimos dentro deste sistema. Dende logo o pobo non merece o egoísmo de supostos líderes trepadores, que non saben curar os seus traumas no seu entorno persoal e así os abocan na escena da política colectiva.

E sen máis dilacións dentro do que a xente percibe como “esquerda” galega, existen basicamente dúas vías de reubicación na encrucillada.

A primeira vía é rápida, cómoda e subvencionada polos medios de comunicación do sistema. Pero este atallo, aínda que prometedor e vendible no inicio do caminho, nunca ten saída e sempre fracasa; só hai que analizar o papel histórico e presente da socialdemocracia liberal europea e mundial.

Atrevimento a presentarse ás eleccións sen ter organizado case ningún tipo de base social e cun programa electoral elaborado en apenas meses. Discurso televisivo e de promesas de cambio baleiras. Trátase dun engano consciente ou semi-inconsciente ao pobo, onde se fala de simple maquillaxe ao sistema, defendendo reformas notorias pero superficiais.

Vale, si, como non estar en contra da corrupción política das cloacas do reino, moi bien, pero que diaños pasa coa corrupción económica intrínseca ao sistema capitalista? Aceptamos a banca privada sen constituír una banca pública, aceptamos cofinanciar a educación e sanidade privadas, aceptamos a alianza criminal da OTAN e levamos os seus xenerais nas listas, aceptamos a opresión colonialista na máxima franquista de la indisolubilidad de la gran patria espanhola.

OTAN NO, OTAN SI, burbulla inmobiliaria, privatizacións e Lei Corcuera, lembremos a socialdemocracia do filipismo das últimas décadas e ata onde nos trouxeron. En fin, semella que é máis doado botar un papel cada 4 anos nunha urna, aferrándose ao pracenteiro autoengano da falsa promesa do líder de plasma, que traballar “in vivo” polo cambio que desexamos e ás veces predicamos.

A segunda vía é máis lenta e difícil, require ganhas, compromiso, valentía e incluso ter as ideas claras. Perseguida e criminalizada continuamente polo inimigo. Trátase dunha vía rochosa, con alta pendente e ás veces hai que dar rodeos para rebasar cantís e outros obstáculos; e claro está que para transitala, ademais de boas intencións, fai falta disciplina e muita organización. Pero chegando ao cumio e sobrepasando a montanha, atópase un val cheo de delicias, felicidade e novos contextos afables a explorar. Esta linhas que acabo de escribir pode que soen a Lord of the Rings, pero realmente escríboas por influencia do Tito Marx.

Fuxir do electoralismo partidista e do discurso simplón e preferir asentarse no seo do pobo, por, para e dende o pobo. Entender que presentarse ás eleccións é só unha das frontes do traballo activista, sabendo que o groso da luita comeza dende a base, na rúa, nos montes e nos barrios. Cos seus acertos e as súas contradicións, esta vía está composta por milleiros de lucinhas brancas, que infatigables traballan a cotío e de xeito organizado no asociacionismo vecinhal, sindical, estudantil, cultural, comunitario e político, tanto a nivel local, como comarcal e nacional.

Fuxir do electoralismo partidista e do discurso simplón e preferir asentarse no seo do pobo, por, para e dende o pobo

As creacións son a fogo lento, pero o tecido é real e resistente. Somos os “roxos” como din os fachas, e berrámolo alto e claro. Queremos destruír o capitalismo e rachar o reino-estado espanhol para crear un sistema novo; unha sociedade HUMANA, onde a liberdade sexa algo máis que unha palabra impresa nun papel, onde a democracia sexa algo máis que catro tertulianos burgueses nun plató de TV, e sexa exercida de xeito directo e participativo.

Un sistema onde todos os dereitos humanos, para todas as persoas, sexan constantemente irrenunciables. Benvidos refuxiad@s, non aceptamos nin toleramos nin unha soa guerra máis, exemplos das bondades da “democracia” europea-yanki imposta polas armas do seu imperio. Non a OTAN, Nunca Máis OTAN, desmantelemos esa alianza criminal. A nós non nos manda nin unha familia real, nin a Troika, nin o FMI, nin un parlamento de Bruxelas, Galexit canto antes por favor, pero dende a esquerda e para o pobo.

A nosa educación e sanidades públicas non se privatizan, nin tampouco se privatizan a nosa banca pública, nin o noso servizo público de bombeiros, nin os nosos montes, nin a nosa pesca; nin un só dos servizos públicos que aínda sobreviven. E podería seguir así todo o día, ser panfletario de vez en cando tamén cunde: hai que traballar menos e cobrar máis, avante, sen tregua república galega, somos feminazis, a ría é nosa e non de Celulosa.

Esta vía é a esquerda soberanista galega, e agrupa a moitas máis persoas e grupos do que poderiamos perceber. Dende as persoas xa organizadas en pequenos partidos políticos, correntes sindicais, asociacións anti-imperialistas ou centros sociais autoxestionados; ata eses heroes e heroínas anónimas, que aínda sen estar organizados, son capaces de luitar con dignidade cada dia dende o seu posto de traballo, o seu centro de estudos ou as asociacións do seu barrio. Sumando a maiores, a todas as persoas que fuxiron das estafas electoralistas supostamente transformadoras.

A nós non nos manda nin unha familia real, nin a Troika, nin o FMI, nin un parlamento de Bruxelas, Galexit canto antes por favor

Este 26 de marzo o BNG celebrará unha importante Asemblea Nacional, onde tras dous anos de intenso debate asembleario a fronte nacionalista pretende marcar en documentos as súas dinámicas de traballo para o presente e o futuro. Dende o máis profundo respecto, e incluso dende un certo e honesto aprecio; e tendo en conta a súa convulsa traxectoria nas últimas décadas, máis unha certa reafirmación nos últimos anos ao soltar lastre político, nesta súa Asemblea Nacional e nos seguintes meses, o BNG terá que realizar a súa reubicación na encrucillada.

Se o BNG decidira mirar cara os lados ou cara atrás, ollando cara lugares outra vez institucionalizados e mansos, achegarase novamente á Primeira Vía, cómoda e sen saída. A vía do reformismo autonomista, subordinado ou paralelo ao nacionalismo progre-espanhol.

Se o BNG decide mirar cara a súa primeira historia, cara si mesmo e cara adiante, con firmeza na organización para a transformación social; ollar as luitas obreiras, estudantís e populares actuais, e tamén cara ao legado vivo d@s nos@s revolucionari@s, o BNG podería comezar a palpar a Segunda Vía. Encadrado con afouteza cara a vía da soberanía, a independencia e o socialismo, e seríamos máis os que abordemos, xunt@s e a paso decidido, un caminho díficil e duro pero o único con saída.

Algúns temos claro de onde vimos, quenes somos e cara onde queremos caminhar, e non só nos papeis e estatutos das organizacións nas que militamos, senón tamén na nosa practica diaria como humanos insurrectos. O que non serve definitivamente, é a vía da indefinición perpetua e da incoherencia constante. A vía do “quiero y no puedo, porque no me atrevo” e confusionismos da máis absurda irrelevancia.

Comentarios