Opinión

Retrato momentáneo de Catalunya para Galiza

Aínda dándolle un maior valor significativo de como está, no plano ideolóxico e político, a sociedade catalá aos resultados do domingo 25 de novembro na Catalunya, pola tensión vivida, que aos do 21 de outubro sobre a sociedade galega, non deixan de estaren tamén condicionados pola conxuntura.

Aínda dándolle un maior valor significativo de como está, no plano ideolóxico e político, a sociedade catalá aos resultados do domingo 25 de novembro na Catalunya, pola tensión vivida, que aos do 21 de outubro sobre a sociedade galega, non deixan de estaren tamén condicionados pola conxuntura. Polo tanto a ela hai que referencialos, tendo claro que a evolución irá en direccións que non están, a día de hoxe, escritas. Porén, podemos analizar os resultados para contradicir algúns tópicos e ideas estereotipadas verbo do comportamento electoral de ambas nacións e as súas causas políticas.

Comezaremos por subliñar que, no contexto da actual crise económica, social e política, dáse unha evolución en dirección oposta entre unha e outra. Por primeira vez, nunhas eleccións autonómicas en Catalunya, a participación sitúase case no 70%, dez puntos máis do que foi a media desde 1980 (o 60%). Na Galiza, por primeira vez en 20 anos, ficou en apenas o 60%, sete puntos menos que nos comicios de 2009, iso sen contar o voto dos residentes ausentes. Parece claro que o medre participativo catalá foi esporeado pola aposta soberanista de CIU, a proposta de consulta para o pobo catalán decidir o seu futuro. Mobilizáronse sectores até entón abstencionistas de mentalidade nacionalista e españolista. No noso país, o dominante foi a apatía e a resignación, por unha banda, e pola outra a falta de crédito en calquera alternativa de goberno ao PP, facilitándose así a expresión dun voto con valor de desafogo e rebeldía individual que non arrastrou abstencionistas. Polo contrario medraron considerabelmente. Esta dinámica favoreceu que o PP revalidase a súa maioría absoluta, con máis marxe, case o 46% do voto, moi lonxe de representar unha maioría social. Achámonos, pois, cunha reacción máis dinámica na sociedade catalá por ter obxectivos políticos claros, malia padecer tamén o descrédito da política e dos políticos. A nosa foi vítima dunha abafante deriva causada pola resignación e a falta de obxectivos como pobo. Porén, teñamos claro que, até o de agora, a nosa sociedade participaba máis que a catalá, era menos abstencionista, nos comicios autonómicos, contra o que moitos puidesen crer.

Ao revés do que din a maioría dos medios de confusións, o voto nacionalista, soberanista, en Catalunya acadou nestas eleccións a maior porcentaxe desde 1980 (o 47%). Foi a primeira vez que todas, sen excepción, as formacións de ámbito nacional catalán apareceron, axiron e pediron o voto desde unha confesionalidade soberanista e/ou independentista, e situando como elemento central do discurso, a convocatoria dun referendo de autodeterminación. Os votos conseguidos no seu conxunto superaron en 100.000 votantes aos partidos de ámbito estatal contrarios a procesos de independencia. Aínda así, cabe matizar que algunhas destas formacións non se opoñen á consulta autodeterminista e manteñen posturas favorábeis a unha mudanza na estrutura do Estado, nunha dirección federal. Polo tanto, os partidarios dunha mudanza constitucional a favor do Estado asumir o seu carácter plurinacional chegan en Catalunya a superar o 70%. Precisamente, a baixada de CIU, coa perda de apenas 90.000 votos, pero oito puntos porcentuais, por unha máis alta participación que en 2010, debeuse, en parte, á convulsión que significou a aposta soberanista nunha parte do seu electorado. Estamos por asegurar que os máis tépedos, desideoloxizados e temerosos fuxiron cara opcións españolistas, alén de producírense desercións pola súa política de recortes e axustes que o seu súpeto soberanismo non parou.

É evidente que o medre en máis de 250.000 votos de ERC non provén das filas Converxentes, na súa maioría, senón de nacionalistas que se abstiñan, de SI e mesmo do PSC e de IC-IU. Advirtamos, ao mesmo tempo, que o éxito incuestionábel de ERC, duplicación de votos e de escanos, a sitúa na porcentaxe do 13,68% do voto válido emitido, sendo o segundo partido en número de deputados. O BNG, após unha catástrofe indubidábel, está en case o 11%. Porén, o problema reside en que a alternativa nacionalista, na Galiza, vive momentos de tebras sociais, moi dificultada e sen galvanizar parte algunha da sociedade. Necesitamos que haxa crédito nunha alternativa que se fundamente na crenza da propia capacidade. Urxe enunciar unha proposta explícita sobre a capacidade de decidir, axeitada en termos pedagóxicos á nosa realidade, tal como fixo Francisco Jorquera no recente debate de investidura no Parlamento galego. As tebras ennegreceron, aínda máis, cos resultados electorais do 21 de outubro. O confusionismo fragmentou e debilitou o electorado máis proclive a posicións nacionalistas, que, hoxe por hoxe, todo se pode mellorar, non supera o 16% do corpo electoral.

"Urxe enunciar unha proposta explícita sobre a capacidade de decidir, axeitada en termos pedagóxicos á nosa realidade, tal como fixo Francisco Jorquera no recente debate de investidura no Parlamento galego"

A evolución da sociedade catalá e a vasca, a posición intransixente do Estado a unha mudanza constitucional nunha dirección plurinacional, a crise de lexitimidade social do réxime, a fondura da crise económica, social e política do noso país, Galiza, serán factores que, malia as dificultades, poden servir para o nacionalismo avanzar na nosa sociedade, se somos quen de vencer, con alternativas e con actuacións sociais claras e contundentes o confusionismo e o despiste que nos atan a unha españolidade abafante, perturbadora e aniquiladora.

Desde a caverna española non fan máis que falar do fracaso de Mas. Pode ser un fracaso partidario e mesmo persoal, pero non foi fracaso a proposta que abandeirou, máis avalada que nunca, con claridade pola sociedade catalá. Cousa distinta é como vai facer CIU para superar as contradicións internas, antes latentes, que agora tenderán a se expresar con maior virulencia. Polo demais, e contra a opinión que se intenta crear da falta de lexitimidade de Mas para ser presidente, contrariando mesmo os principios da legalidade constitucional española, lembremos que quen debe investilo é unha maioría parlamentar. Sendo o candidato do partido máis votado con diferenza, ten o deber de asumir a formación de goberno, contando co apoio ou o deixar facer doutras formacións. Se o logra, ten toda a lexitimidade democrática do mundo. Unha sociedade tan fragmentada eleitoralmente como a catalá, cos resultados á vista, verá como única solución posíbel un goberno de maioría nacionalista ou un goberno de CIU, con acordos puntuais á carta. É verdade que o xogo da variabilidade e versatilidade tórnase, nas actuais circunstancias, máis difícil, pois as cartas están máis marcadas, e as amargas experiencias co PP deixarán pegada.. Tamén se argumentou que a aposta autodeterminista provocou a auxe do radicalismo, representado, pola banda nacionalista en ERC e CUP, e na españolista, polo PP e Ciutadáns. Aclaremos que a subida do PP non é a que os medios de comunicación españois celebraron como se fose o triunfador dos comicios: non chega nin ao 13%, unhas décimas máis que en 2010. O españolismo abstencionista foi aducido por Ciutadáns, triplicando a súa representación. Medrou co discurso da corrupción da política e dos políticos, mesturando un furibundo españolismo coa codia dun modernismo europeísta, ofertado por un sobrado e ostentosamente protagonista líder xuvenil...

En conclusión, o retrato resultante mostra un perfil nacionalista, autodeterminista e/ou soberanista claro de arredor do 50% do electorado, inaudito na sociedade catalá, e outros dous riscos caracterizadores: un 25% que aceita democraticamente a consulta e rexeita a independencia, se ben aposta por mudanzas na estrutura do Estado, e outro 25% ancorado nun españolismo tan aceso como antidemocrático. Non sei onde está o fiasco. Cousa distinta é que os medios habituados a meter medo co coco e a crer as súas propias mentiras, falando da avalancha independentista como ameaza irreversíbel a combater, cando aparece o máis matizado rostro real, pretendan utilizalo para a deslexitimación dunha reivindicación e proposta tan elemental e democrática como necesaria para o pobo catalán e para todos os pobos sen estado. Subliñan, cando lles convén, o perfil independentista e propio de Catalunya, tanto como rebaixan e desprezan, en todas as ocasións, calquera perfil galego.

"Estamos moi necesitados de vivir a crise desde unha perspectiva e uns obxectivos galegos. A nosa capacidade de decidir, o exercicio da soberanía, non é un tema menor nin alleo, senón central, para superarmos de verdade esta situación"

No noso país, Galiza, o retrato electoral último foi unha preocupante mestura de resignación e conformismo co que hai – e mira que o que hai é grave!!!-, mesturados con desinterese por unha mudanza posíbel e con unha rebeldía e hipercrítica, que, en termos políticos, non se centrou no propio país, como á espera de que a solución veña de fóra. Iso si, deixando evidencia da nosa xa máis que demostrada capacidade de secundar masivamente toda protesta social na rúa, mellor mesmo se ten dimensión española ou europea. De transformarse esta capacidade mobilizadora en resposta política ben orientada, avanzaríamos moito. Estamos moi necesitados de vivir a crise desde unha perspectiva e uns obxectivos galegos. A nosa capacidade de decidir, o exercicio da soberanía, non é un tema menor nin alleo, senón central, para superarmos de verdade esta situación. No caso galego, é unha condición sine qua non para, polo menos, aspirar a saírmos da crise estrutural na que levamos moito tempo ancorados, que a de agora non fixo máis que agudizar, para beneficio da nosa existencia e do noso futuro como pobo. Velaquí o reto e o camiño, que precisa dunha pedagoxía exemplar para a sociedade, como se comezásemos de cero. Polo demais, algo temos a favor: estamos curtidos na experiencia de saber o que é a manipulación, a intoxicación informativa, a censura e a caricatura desapiadada, alén de contarmos cunha base organizada nada desprezábel e con moitos simpatizantes e seguidores dunha idea, a de que Galiza ten dereito a existir e vivir do seu con dignidade.

Comentarios