Opinión

Retrato do triunfador indiscutido

Entre os grandes oligarcas que gozan de beneplácito público e admiración rendida de moitos cidadáns, está Bill Gates, cofundador de Microsoft. Considérase a si mesmo filántropo. Nada a ver, desde logo, cunha práctica filantrópica que puidese derivar na ruína propia. Non, en absoluto.

Entre os grandes oligarcas que gozan de beneplácito público e admiración rendida de moitos cidadáns, está Bill Gates, cofundador de Microsoft. Considérase a si mesmo filántropo. Nada a ver, desde logo, cunha práctica filantrópica que puidese derivar na ruína propia. Non, en absoluto. Tampouco se trata da plasmación concreta, en carne e óso, dos ricos filántropos que algúns socialistas utópicos esperaban como lábaro de redención social no século XIX. Por exemplo, do tipo físico e moral do D. Braulio, personaxe que tan intencionadamente fai vivir Rosalía de Castro na súa novela Ruínas, arruinado polas súas prodigalidades cos pobres e látego dos que viven a conta do roubo. Non, non é Gates de tal pasta nin ten tal comportamento, polo que non corre o perigo de lle pasar como a D. Braulio, que non era nada ben visto en salóns, saraos e faladoiros burgueses pola súa propia clase. Pola contra, Gates é escoitado como un oráculo, agochando o seu negocio nunha moral filantrópica. Coa infalibilidade do triunfador emite sentencias alí onde vai: é o segundo home máis rico do mundo e fai doazóns, segundo os panexiristas mediáticos, “con criterios de eficacia empresarial”. Seguindo o ronsel da consabida exaltación do individualismo, que chega á mitificación máis infantil, atribúeselle ter feito posíbel a revolución do ordenador persoal. Todo un modelo de empresario feito a si mesmo (por certo, recomendo atender as diatribas de Rosalía/D, Braulio en Ruínas contra os que todo o deben a si mesmos).

Porén, o máis rechamante é comprobarmos como fai transitar, de contrabando, unha mercadoría ideolóxica, material, sen despertar os receos que debese. A través da súa Fundación Bill e Melinda Gates, non nos imos parar nos beneficios fiscais que obtén grazas a ela, adícase a financiar, a través de ONGs, o desenvolvemento nos países máis pobres do mundo, en especial Chad, Kenia e Tanzania, segundo manifesta. Deste xeito, a través do capital privado, en forma de axudas e actividades humanitarias, organizacións estranxeiras inzan os países en cuestión e fan circular vacinas, medicinas contra o sida, redes antimosquitos e sementes novas que, segundo Bill, van prender e desenvolverse mesmo con seca. Convértense así estas sociedades en destinatarias da compra e distribución de mercadorías sanitarias ou agrícolas, incluíndo a experimentación científica, que, alén de significar unha fonte de negocio en si, ofrecen a posibilidade da inxerencia política, do control social, do colonialismo, da experimentación: a que tipo de sementes se refire Bill con tal ousadía? Esta forma de caridade exterior non é inocua. Tende redes internas poderosas neses países, introducindo organizacións externas con influencia social, política, económica e cultural e, aínda enriba, poden agocharse negocios turbios ou ensaios de todo tipo sen os debidos controis. Como complemento, e por se fose pouco, esta axuda “humanitaria” colabora a calmar o desacougo das conciencias dos contribuíntes do mundo desenvolvido, “satisfeitos polo seu papel no mundo”, subliña o filántropo.

Bill Gates, na súa última visita ao Estado español en febreiro de 2012, deixou claro, como é norma entre todos os grandes oligarcas, que non está por “distorsionar” o mercado, isto é, está por que o negocio continúe tal cal como até hoxe. E non ocultou a súa predilección descarada polos países seren gobernados por “tecnócratas”, non polos “políticos”. Xa se sabe, os gobernantes eleitos democraticamente sempre poden ser proclives a regulacións que fagan que a economía sexa menos “eficiente”. Un tecnócrata, posto no lugar oportuno, no momento oportuno, fai milagres, pois é quen de tomar con axilidades decisións “difíciles”. Xa se sabe, difíciles para os pobos e para as maiorías sociais. Nin que dicir que Bill é un campión da defensa da desregulación do mercado laboral en España. Facendo gala dunha soberbia ignorante pregúntase como, cun paro tan elevado, non baixan os salarios. Xa cremos que baixan e moito: non hai máis que comprobar cal é a evolución da súa porcentaxe de participación na riqueza total nos últimos dez anos. Bill, co seu humanitarismo insaciábel, propón que baixen máis aínda.

Bill Gates vive autosatisfeito, facendo ostentación de moral filantrópica e de eficacia empresarial. Presume, con naturalidade, de ser un home honrado: será porque nunca pasou fame, como anotaba Celso Emilio Ferreiro nos seus versos sobre os “honorábeis”. Síntese por enriba da política e dos “políticos”, porque mande na maior parte deles, presumindo cinicamente de estar á marxe da cuestión. No fondo, é un dos donos do mundo, un dos oligarcas que despreza a democracia tanto como presume de ser benfeitor da humanidade, en particular dos pobos pobres. Un xenuíno botón de mostra de como viven a globalización os que realmente a dirixen. Un exemplo de como non debemos vivila os que a padecemos. Limitareime a alertar de que non fagamos de corifeos do desprestixio da política nin nos trabuquemos considerando os “políticos” unha clase á parte, fonte de todos os males. Tomemos a debida cautela distanciándonos xustamente da insistencia nesta concepción dos “triunfadores indiscutidos”, a mesma que a dos seus moi poderosos medios oligárquicos, entre os que paradoxalmente están incluídos os partidos ao seu servizo.

Rematarei cunha pequena apostila, pois seguramente coñecen o meu empeño por desvendar e analizar a realidade galega, sempre tan pouco e mal atendida por nós mesmos. Prometo o retrato dun triunfador indiscutido que pasa por galego, Amancio Ortega, o terceiro home máis rico do mundo, segundo din. Seguro que, en moitas cousas, imita a Bill. Noutras, que debo intentar coñecer mellor, precisamente as que se refiren á súa actitude con Galiza, nada a ver co que Bill pensa e practica con USA...

Comentarios