Opinión

Resultados electorais: comentario de texto vs guía de lectura

Unha das cousas que máis me amolan na noite electoral son @s analistas mediáticos que, cal oráculos do sistema, interpretan a voz das urnas para nola transmitiren nunha monótona tertulia só interrompida pola publicidade.Pontifican.Falaron as urnas, falaron e quixeron dicir o que eles interpretan nos seus comentarios.

Unha das cousas que máis me amolan na noite electoral son @s analistas mediáticos que, cal oráculos do sistema, interpretan a voz das urnas para nola transmitiren nunha monótona tertulia só interrompida pola publicidade.

Pontifican.

Falaron as urnas, falaron e quixeron dicir o que eles interpretan nos seus comentarios. Sesud@s politólog@s, de barbas brancas, de barbas pretas, ben barbeados ou imberbes, falan, e nós habemos de conformármonos coa súa interpretación sen ousarmos dubidar.

É a doutrina, a catequese electoral, a desmesura interpretativa a que triunfa.

Mais hai algo que non teñen en consideración, que as eleccións son como unha novela, como un libro de poesía, como unha peza de teatro, como un filme, como a vida, isto é, que non existe unha interpretación maxistral e única, e que non serve repetir a argumentación de procesos pasados nin pretender que os presentes sirvan para o futuro, porque cada elección é un acto único, irrepetíbel e condicionado por un contexto tamén único e irrepetíbel.

Por iso podemos adoptar dúas formulas de nos aproximarmos á obra para a interpretar, para a coñecer: ou ben facermos un documentadísimo e erudito comentario crítico, co que estamos ofrecendo unha lectura fechada, só para un círculo electo que coñece as chaves interpretativas, que previamente lle indicamos para que todo case, ou ben optar por elaborar unha guía de lectura que permita a quen a siga moverse nun contexto marcado, si, mais, dentro del, tirar as súas propias interpretacións.

Tamén moitas forzas políticas ofrecen ese modelo de análise, o modelo “comentario de textos”.

Particularmente prefiro a “guía de lectura” e facer as análises cos pés na terra, na nosa, sen estarmos pendentes de outros territorios aos que nos gustaría parecernos mais que non é posíbel pois as análises hai que as facer sabendo quen somos, onde estamos e a onde queremos ir.

Na política galega hai cada vez máis afeccionados a facer comentario de texto, a analizar a realidade desde a virtualidade argumentativa, como se o País for unha inmensa “liga de debate” onde o que importa é a brillantez do discurso.

Mais tamén hai quen analizou a campaña, e os resultados, facendo unha extraordinaria “guía de lectura” da realidade deste País, da destrución de emprego, da destrución cultural, do influxo mediático,  e o que que hai que valorar son os resultados derivados dese contexto, non de outros que non existen.

E fronte aos discursos pomposos e proféticos de quen se reclama único intérprete da nosa vontade resta a sinxeleza da guía de lectura que, polo menos, nos ofrece unha posibilidade para entendermos o que acontece ao noso arredor que, por non ser nada sublime, por ser tanxíbel, non precisa de interpretacións míticas.

Se teño que escoller entre as dúas posibilidades de interpretar a realidade, guía de lectura ou comentario de texto, prefiro cen veces a modesta guía de lectura que me permita interpretar o contexto a que o especialista de barbas brancas, ou pretas, barbeado ou imberbe, ma interprete, aínda que o seu discurso roce a excelencia lingüística.

P.S.

Non me pregunten quen son os das barbas brancas, nin os das barbas pretas. Iso déixoo para faceren o comentario, que hipóteses de traballo non han faltar.

Comentarios