Opinión

Reiniciando

Ás veces suceden acontecementos que obrigan a unha a recomezar de novo (e non é redundancia, trátase de recomezar despois de xa ter recomezado antes). E cando digo recomezar, falo de algo así como “reiniciar” na acepción tecnolóxica do termo, e nunca mellor dito, porque de tecnoloxía vai a cousa.

Ás veces suceden acontecementos que obrigan a unha a recomezar de novo (e non é redundancia, trátase de recomezar despois de xa ter recomezado antes). E cando digo recomezar, falo de algo así como “reiniciar” na acepción tecnolóxica do termo, e nunca mellor dito, porque de tecnoloxía vai a cousa. A primeiros deste mes, os reis ou o que sexa, agasalláronme estragando o disco duro do meu computador, botando por terra algún traballo que tiña adiantado (entre o que se atopaba un artigo xa rematado e a punto de enviar a Sermos Galiza), e obrigándome a recompoñer a planificación da miña vida mentres non podía dispoñer de novo dunha computadora en funcionamento e recuperar cando menos parte do que se perdeu.

Hoxe por hoxe, nesta sociedade, somos totalmente dependentes da tecnoloxía. En canto perdemos a oportunidade de conectarnos á rede, de falar telefonicamente con alguén ou de facilitarnos certos labores axudándonos con aparellos diversos, sentímonos coma sen saber qué facer, coma se nos faltara algo vital. Cando menos, a min así me aconteceu. Durante un par de semanas sentinme moi perdida, por non poder acudir a aquela información conservada nunha caixa negra á miña disposición con só premer un botón.

Mais non se acabou o mundo, malia o que prognosticaran os Maias. Aquí estou, volvendo escribir un artigo, nunha computadora renovada (que non nova, non están os tempos para iso) e pensando se serei capaz de compoñer de novo todo como antes o tiña. E finalmente decido: aproveitarei a ocasión para facer conta nova. O borrón xa o fixo o azar, ou a avaría do disco duro, segundo se mire.

Así que estou reiniciando. E aproveitando o meu reinicio, voulle pedir ao Goberno da Xunta que tamén reinicie. Aproveitando que o PPdG anda de congreso, voulles pedir a Núñez Feijoo e a Jesús Vázquez que reconduzan a súa política lingüística. Que empecen outra vez, pero cun mellor camiño.

"Voulles pedir a Núñez Feijoo e a Jesús Vázquez que reconduzan a súa política lingüística. Que empecen outra vez, pero cun mellor camiño".

Supoño que porque eu llelo pida non o van tomar en consideración. Porque, a fin de contas, se non mudaron a súa actitude e as súas intencións despois de diversas e multitudinarias mobilizacións e de 8 (oito!) sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, non sei porqué habían de mudala agora, por que eu llelo pida, así sen máis. Mais por intentalo que non sexa.

En todo caso, para obrigar á Xunta a “reiniciar”, sempre podemos buscar o xeito de deixar sen computadora aos gobernantes do PP. Quizais o 27 de xaneiro, a manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego en defensa da lingua que nos une, sexa o punto de inflexión que lle fai falta a esta Xunta de Galiza para formatear o disco duro e empezar de cero. Quizais.

Por se iso se dera, sexamos miles as persoas que lles fagamos chegar a petición a Alberto Núñez Feijóo e a Jesús Vázquez. Movámonos unha vez máis por esta nosa lingua, a que nos une, por que poidamos empregala con normalidade, na escola e na vida. Asolaguemos as rúas compostelanas nunha marea humana que prema o botón de “reinicio”. O 27 de xaneiro, recomezamos.

Comentarios