Opinión

Reestruturación bancaria: Salvarás Bankia sobre todas as cousas

Un medio de comunicación filtrou o texto do novo decreto do FROB que o goberno podería aprobar o venres 24. A liquidación de entidades inviables, agás Bankia, a transformación da débeda privada en pública e unha quita para os posuidores de débeda subordinada son os efectos inminentes.

Un medio de comunicación filtrou o texto do novo decreto do FROB que o goberno podería aprobar o venres 24. A liquidación de entidades inviables, agás Bankia, a transformación da débeda privada en pública e unha quita para os posuidores de débeda subordinada son os efectos inminentes.

Unha vez mais o goberno do Partido Popular optou por aprobar un Real Decreto, obviando así o debate parlamentar sobre unha cuestión tan trascendental como a reestruturación do sistema financeiro con cargo ao erario público. Ao mesmo tempo está previsto que aprobe o recorte da axuda de 400 euros á maior parte das persoas desempregadas, nun novo recorte social.

Cando o Comisario da Competencia, Joaquín Almunia, anunciou que o rescate bancario pactado por Rajoy levaba aparellada a liquidación de entidades non viables, erguéronse numerosas voces ante o que consideraron unha saída de ton. A CIG reclamou daquela coñecer se o que dicía Almunia era certo, se iso formaba parte do acordo ao que chegou Mariano Rajoy, tal e como agora quedou demostrado.

O Real Decreto establece que será o FROB o que se encargue como até o de agora da reestruturación do sistema, mais deixando claro que a dotación será contra os orzamentos do Estado. Tal e como temos denunciado, estamos ante unha transformación da débeda privada en débeda pública. Así mesmo o proceso de venda dos activos que reciba o Estado como contrapartida poderá realizarse de xeito opaco a través de terceiros. Quere dicir que o Estado comprará activos das Entidades, que posteriormente outros venderan incluso para beneficio propio. Algo especialmente grave e doloso, dado que o Estado pode transformarse no maior terratenente e no maior propietario de vivenda de Europa (a este respecto haberá que agardar a lexislación específica do denominado “Banco Malo”).

O Decretazo establece polo miúdo a liquidación das entidades consideradas non viables, agás claramente no caso de Bankia (o Banco vinculado ao Partido Popular de Madrid) entidade que a priori ten a consideración de sistémica. Para o resto deixa aberta a incerteza provocando, como non, unha maior desvalorización das mesmas. Poderán tamén ser liquidadas entidades que formen parte dun grupo bancario sen liquidar este, unha medida que a priori favorece tamén a Bankia, poderase liquidar o Banco de Valencia sen que afecte ao resto do Grupo. Polo visto Esperanza Aguirre ten maior grado de interlocución que Feijoo dentro do PP.

O proceso de liquidación esquece conscientemente os traballadores e as traballadoras que de xeito directo ou a través de subcontratas traballan para as entidades que podan ser liquidadas. Aí a CIG está atenta a calquera movemento por parte do goberno na defensa dos postos de traballo.

Dentro das distintas modalidades de liquidación á carta, o goberno aprobou a creación do que denominan Banca Ponte, o que se traduciría nunha macrofusión de entidades a priori non viables en solitario, dando lugar a un novo macro Banco que podería ser vendido ou liquidado no prazo de cinco anos. Unha vez máis, privatización e fusión como solución aos problemas do sistema financeiro.

Comentarios