Opinión

Reducir, recortar, revisar, reformar. Catro RRRR para o fracaso

  O señor Wert, ministro de competencias varias, entre outras Educación, sorprende máis unha vez pola súa capacidade de “introducir elementos de racionalidade e eficiencia” no sistema educativo, sempre -iso si- co obxectivo de prestar o mellor servizo. Servizo a quen? Servizo a que? Vaiamos por partes. Primeira.

O señor Wert, ministro de competencias varias, entre outras Educación, sorprende máis unha vez pola súa capacidade de “introducir elementos de racionalidade e eficiencia” no sistema educativo, sempre -iso si- co obxectivo de prestar o mellor servizo.

Servizo a quen?

Servizo a que?

Vaiamos por partes.

Primeira. Anuncio, no Parlamento, da intención de reducir a ESO de catro a tres anos, mantendo en dezaseis a escolarización obrigatoria. Así, o título poderíase conseguir aos quince. Problema: como abordar ese crebacabezas que supón o desfasamento temporal entre titulación e escolarización obrigatoria? Fontes do PP confesan que non saben e cando din iso hai que entender que si saben mais non é o momento de o dicir.

Segunda. Algo máis tarde enteirámonos de que, despois de moito deliberar, xa ten a solución para garantir os estudos universitarios con carácter xeral. A mellor fórmula é que cada un pague o seu, así non hai queixas. Ou, dito de outra maneira, para garantir os estudos universitarios a solución é .... pertencer a unha familia que poida pagar, que xa está ben de tanto pobre no sistema. E se ten que haber algún, pois que pida un crédito, que os bancos precisan moito a nosa axuda.

Terceira. Cómpre preparar unha “revisión a fondo da arquitectura do sistema educativo” -así o definiu o propio Wert-, para facer un cambio na selectividade. O argumento principal para querer endurecer a proba de acceso á universidade descansa sobre a elevada cifra de estudantes de bacharelato que a superan. "Unha proba que permite entrar a máis do 90% dos que se presentan non é selectiva", di e tan tranquilo.

Alguén imaxina nalgún outro lugar da galaxia, á parte da cabeza do señor Wert, un responsábel político dicindo que é un fracaso que o 90% do alumnado supere a proba de selectividade?

Cuarta. Selección é a idea chave que ilumina as cabezas do PP alí onde goberna -aquí na Galiza tamén- e o instrumento para esa selección é retornar ao “espírito” da LOCE -si, aquela norma dos tempos de Aznar que creaba vías para a separación do estudantado en función do rendemento académico e deixaba a FP para quen obtiña peores resultados.

Agora, de novo, a modificación da normativa educativa, que o PP espera comezar a aplicar no curso 2013-2014, apunta cara a fórmulas que adiantan a separación do alumnado, para dirixir “os que non cumprisen os obxectivos" -unha expresión empregada esta mesma semana por Wert -cara á Formación Profesional. As reformas reorganizarán a secundaria co fin de "anticipar a especialización educativa" ao tempo que se propón “revisar as condicións de promoción" nos cursos anteriores ao bacharelato.

Todo para tender cara a un modelo similar ao alemán que, por certo, non figura entre os mellor valorados nos informes internacionais que tanto mencionan, e tanto descoñecen, as nosas autoridades educativas.

Quinta: Ningún sistema educativo é capaz de garantir o éxito ao cento por cento da poboación, porque non existe a sociedade perfecta e igualitaria e o sistema educativo é reflexo da situación socioeconómica en que está o alumnado.

Por iso resultan máis incomprensíbeis as políticas dirixidas a retomar unha reforma que orienta todo o sistema educativo cara ao fracaso. Fracaso, si, que non outra cousa se procura cando se promulgan normas que pretenden masificar as aulas, impedir a atención personalizada do alumnado ou atender as necesidades educativas específicas. Fracaso dun sistema que non integra.

Reducir profesorado ou oferta educativa; recortar orzamentos, revisar contidos para os adaptar á ideoloxía dominante e reformar a estrutura do propio sistema. Son os catro R que levarán ao fracaso do sistema educativo e, como consecuencia, ao fracaso no intento de conformarmos unha sociedade máis igualitaria, máis xusta, máis libre, máis culta.

Desafortunadamente non son estes derradeiros -igualdade, xustiza, liberdade, cultura- os obxectivos nin do señor Wert -que ademais se outorga competencias que non lle son propias- nin do señor Vázquez Abad -que non asume as que si lle corresponden e se limita a reprobar a contestación social con notas de prensa no portal da Consellaría.

Comentarios