Opinión

Que recuperación?

Un escuálido incremento do PIB (un avanzo do 0,3% no derradeiro trimestre de 2013)

Un escuálido incremento do PIB (un avanzo do 0,3% no derradeiro trimestre de 2013) serviu para o Goberno do Estado e a súa maquinaria de propaganda machucar o mantra de que a recuperación da economía é xa un feito. Mais de que recuperación estamos a falar? Non desde logo da do mercado laboral -até De Guindos admite que no mellor dos escenarios concluiriamos 2014 co 25 % da forza de traballo no desemprego- nin tampouco da dos dereitos sociais perdidos, após a durísima contra-reforma laboral e os sucesivos asaltos á sanidade e ao ensino públicos.

O relato gobernamental non se sustenta nunha análise minimamente obxectiva da realidade, moito menos no caso de Galiza, cos sectores produtivos virtualmente colapsados e unha Administración pública que, nas mans do PP,  no canto de se utilizar como alavanca para o desenvolvemento das nosas potencialidades é un atranco que as mantén bloqueadas.

Este 0,3% de incremento do PIB -a produción no conxunto do Estado e na Galiza diminuíu no conxunto de 2013, ano globalmente recesivo- é un índice que revela que a palabra que define o estado da economía é estancamento. Estancamento na periferia e tamén no centro da UE, co PIB alemán a se incrementar tamén un pobre 0,3 por cento no tramo final de 2013. Nada sorprendente: non é posíbel superar unha crise provocada polo neoliberalismo con máis neoliberalismo, e os gobernos da UE non mostran a menor vontade de rachar cos principios básicos dunha ideoloxía que antepón a lóxica do capital a calquera outra consideración.

Esta semana, Rajoy foi recibido na Casa Branca. Obama falou da súa capacidade de lideranza, despois de o ano pasado a súa Administración ter encoraxado as políticas "reformistas" do PP. Xa lle vai ben a Washington que as políticas deflacionarias de Berlín, asumidas submisamente por Madrid, continúen. Aos EUA interésalles un euro forte, que penalice as exportacións europeas. E xusto iso, unha moeda única artificialmente sobrevalorada, é o que está a condenar a periferia na que se insire a Galiza.

Comentarios