Opinión

Rara

Teño 15 anos e son RARA; esta característica non a levo comigo dende que nacín, apareceume alá polos 6 anos, precisamente cando comecei a falar en galego.


Teño 15 anos e son RARA; esta característica non a levo comigo dende que nacín, apareceume alá polos 6 anos, precisamente cando comecei a falar en galego.

Ao principio era unha nena “normal”, como moitas das miñas amigas e amigos pero a rareza quixo aflorar en min o día que me escoitaron falar galego coa miña nai, nese momento comezaron a repetirme unha frasiña que con aquela idade naturalmente me fixo graza: “Andrea, que RARA estás hablando gallego!”. “Pois para min agora é o natural”, dixen toda chea de razón e feliz porque eu co galego sentía que tiña algo precioso, algo especial.

Cheguei ao instituto e os comentarios seguían na mesma liña: “Que RARA es la música en gallego”, ”Que gustos más RAROS tienes”. Cando me entusiasmei coa gaita e empecei a tocala, vai unha amiga e dime: “ a gaita é un instrumento de vellos, se aínda tocaras a guitarra...”. Co paso dos anos os comentarios fixéronse máis variados, e ata se animou algún que outro adulto: “se estudaras e te deixaras de perder o tempo co teatro e coa política”, porque participar en actividades en defensa do galego seica é facer política… E que conste que non son para nada unha mala estudante!

Mais estas sentencias fanse odiosas principalmente cando veñen de persoas das que espero apoio. Non entendo como pode ser que á maioría dos mozos e mozas da miña idade lles dea igual o que lle acontece á nosa lingua, á nosa cultura, á nosa Terra. Non entendo que non valoren coma un tesouro os nosos costumes, a nosa personalidade a nosa identidade. E non só non lles preocupa a situación da Galiza, parece que tampouco lles importa a inxustiza en África, nin en Haití nin en Palestina. Quizais aínda non abriron os ollos... Ás veces ser RARA doe.

Pero a min non me dá igual o que pase con Galiza, o que pase co mundo, o que pase coa xente. As persoas ás que máis admiro non lles dá igual o que pase ao seu redor porque están facendo algo para mellorar o mundo. Moitas veces teño a sorte de estar cerca dalgunha destas persoas e tamén podo ver como viven con entusiasmo, defendendo o que hai que defender. E entón acórdome da alegría que sentín a primeira vez que me dixeron “que RARA estás hablando gallego”. E agora sei que esa alegría venme porque estou a facer o que teño que facer. E sei que paga a pena. Son RARA, e a moita honra!

Comentarios