Opinión

Racionamento ou razón?

  O outro día podían verse nos medios unhas declaracións da voceira nacional —termo este entendido na única opción racional posíbel— do partido no goberno apelando á racionalidade do profesorado para subsanar, corrixir, resolver... as deficiencias, imputábeis ás políticas de recortes que están a aplicar, provocadas polo deterioramento do ensino público.

O outro día podían verse nos medios unhas declaracións da voceira nacional —termo este entendido na única opción racional posíbel— do partido no goberno apelando á racionalidade do profesorado para subsanar, corrixir, resolver... as deficiencias, imputábeis ás políticas de recortes que están a aplicar, provocadas polo deterioramento do ensino público.

Evidentemente, esta representante partidaria con isto recoñece, de xeito implícito, que hai graves deficiencias que coutan o desenvolvemento da vida diaria nun centro escolar. Doutra banda apela á solidariedade dun colectivo especialmente implicado —e castigado— no bo funcionamento dos centros.
Calquera docente pode certificar esta realidade un día ordinario de clases. O propósito non é paliala, senón disimulala e maquillala, para que non se xeren incómodos titulares na prensa que contradigan estatísticas precociñadas de antemán. E isto é consecuencia directa da neglixencia de quen ten responsabilidades políticas na materia. De quen se esforza ao máximo para degradar a calidade do ensino público co gallo de favorecer o privado, sexa este concertado, confesional ou separe os/as alumnos/as por sexos.

A terminoloxía empregada é o máis curioso desta estratexia envolvente, que non agacha, a deriva de responsabilidades dunha moi má xestión política cara ao interese do alumnado —acadar unha óptima formación en contidos e en valores universais— e cara ao persoal dos centros. Porque invocaren os representantes da dereita á racionalidade é unha cuestión que se desvía do sentido común.

"A primeira medida que teñen que tomar é sacar a relixión de todos os centros públicos abolíndose calquera tipo de concerto establecido coa congregación relixiosa que for"

Con ánimo de centrar a cuestión, vallan, logo, unhas sinxelas consideracións. As cales están contempladas, como só debe ser, dende a facultade e a capacidade de pensar, xulgar e coñecer valéndose da intelixencia, isto é, dende a razón.

A primeira medida que teñen que tomar é sacar a relixión de todos os centros públicos —incluíndose aquí, evidentemente, os que son (co)financiados cos cartos de todos/-as—, abolíndose calquera tipo de concerto establecido coa congregación relixiosa que for. Os inxentes recursos que, a resultas, se permitiría aforrar terán que ir destinados a fortalecer as prestacións e capacidades do propio sistema público.

A segunda medida é aumentar o número de horas —co debido acompañamento de recursos— dedicadas á lingua. O noso idioma propio ten que ocupar unha posición central no currículo, empregándose sen complexos como lingua vehicular.

"A segunda medida é aumentar o número de horas dedicadas á lingua. O noso idioma propio ten que ocupar unha posición central no currículo"

O cal ten que ir acompañado de coherentes medidas lexislativas, que inclúan o deber de todos os cidadáns galegos de coñeceren a súa propia lingua. Para que non se dea ningunha vergoñenta sentenza, como a ditada estes días en Pontevedra, pola cal un veciño fica eximido de pagar unha multa de circulación debido a alegar descoñecemento do código. De circulación? Ca! Que iso non pode ser. Lingüístico, entón. Algo que é doado resolver cunha simple cuestión de dereito e deber.

Noutra interpretación posíbel, á vista da degradante realidade, as palabras da voceira, poden querer pór en evidencia outra situación ben diferente. Propia dunha situación de desmantelamento deliberado das prestacións de todo o que é público, como acontece na actualidade.

Polo tanto, coa súa apelación ao razoamento non querería ocultar escuras intencións como pano de fondo? Na dieta atántica de palabras comúns coas que os nosos cativos se están empezando a familiarizar aparecen hoxe en día termos como tupper ou tupperware —el non será produto do cacarexado decreto para o plurilingüismo?—. Mais o que en verdade acontece é que isto é froito da miseria derivada de que moitas das nosas nenas e moitos dos nosos nenos van ter que levar a comida da casa ao centro en friameiras. 

No (sub)consciente destes dirixentes neoliberais está a certificación masiva de cartillas de racionamento para o noso sistema educativo público

Seguramente a voz que a voceira da dereita quería insinuar, xogando coa linguaxe como acostuman facer, é racionamento. No (sub)consciente destes dirixentes neoliberais está a certificación masiva de cartillas de racionamento para o noso sistema educativo público. O que non significa outra cousa que querer provocar a súa morte por inanición. Eis o emprego de vellas fórmulas, propias do antigo réxime, que teñen como obxectivo a aplicación de dixestivos mecanismos para ter controlada e sometida a poboación.

No cumio da hipocrisía, o ministro de Educación (s)e(n) Cultura di manifestar a máxima confianza no profesorado. Mais na próxima (contra)reforma educativa propón a creación de avaliacións externas, para os/as alumnos/-as, centros e profesores/-as. Isto de seu constitúe unha flagrante cesión de dereitos fóra do propio sistema educativo público. Para que se fai? Con que cartos se vai pagar?

Velaí, logo, unha auténtica reválida —tan do gusto deste dirixentes políticos— para o exercicio da camuflaxe lingüística: onde se di razoamento débese entender racionamento.