Opinión

Quero xornalistas que saiban poñerse en pé

Todos vimos as imaxes, das peores dos tempos últimos, do neonazi matón goriláceo dicíndolle aos xornalistas gregos que se tiñan que poner en pé que entraba o Líder, así, con maiúsculas. Unha xornalista explicou que eles non eran seguidores do partido nazi, senón xornalistas, e que estaban alí en calidade de informadores.


Todos vimos as imaxes, das peores dos tempos últimos, do neonazi matón goriláceo dicíndolle aos xornalistas gregos que se tiñan que poner en pé que entraba o Líder, así, con maiúsculas. Unha xornalista explicou que eles non eran seguidores do partido nazi, senón xornalistas, e que estaban alí en calidade de informadores. E o intelectual seborreico que antes lles dicía orneou un arrouto gutural que viña a afirmar algo así como que aquel que non se levantase, que se largase. E menos mal. Porque podería ter sacado a pistola e voarlle a tapa da seseira a quen quixese manterse nas súas cadeiras, é dicir, nunha actitude digna e humana, non animal.

Todo o que veño de describir é grave. Pero moito máis o é, para min, o feito de que terminen poñéndose en pé, recibindo ao Líder, firmes coma varas firmes firmemente postos firmes pola firmeza firme duns nazis crecidos porque, incriblemente, no país que inventou a democracia lles deron trece deputados.

Todos sabemos que o que cumpría ter feito naquela tesitura, todos sabemos cal tería sido o comportamento correcto naquela situación tensa e terrible que se estaba a vivir. Todos sabemos que terían que terse posto en pé, si, pero para marchar. A esixencia de erguerse porque viña o Líder, así, con maiúsculas, é en realidade a esixencia dunha sumisión, a do poder xornalístico, á brutalidade e o irraciocinio fascista. E ao poñérense de pé, lexitimaron esa brutalidade irracional fascista, berrona e agresiva.

Eu quero un xornalismo diferente. Porque, a outro nivel, iso está pasando aquí. Porque hai políticos que convocan roldas de prensa pero que deixan moi claro que non van consentir preguntas, é dicir, que pensan dictar (dictadores, xa que logo), e que ninguén abra a boca. Cando tal sucedese, os xornalistas, que tanto os necesitamos, deberían poñerse en pé e negarse a ir a unha rolda de prensa convocada desa maneira. E quen di iso di os mítines na campaña, dos que os partidos seleccionan as imaxes que deben saír nos telexornais, as que a eles conveñen, e non hai canle de televisión que se moleste en elaborar a propia información, ou en sacar o que lles pareza, usando un xornalístico criterio, amosando o máis polémico, discutible ou penoso do que o candidato dixese, é dicir, o informativamente interesante. Ao renunciar a iso, máis que informadores, convírtense en propagadores (de propaganda).

O problema é o que é. O xornalismo hai ben de tempo que vive, ou mellor dito, que sobrevive, do poder político. Hai alcaldes que meten moitos, pero moitos moitos, euros ao ano en segundo que periódicos, e daquela, os xestores deses medios non critican, non informan, non abren a boca en contra, por medo a que a man que os alimenta se peche para sempre. E daquela, o xornalismo que, insisto, tanto o necesitamos para vivir nunha sociedade máis democrática que a actual, é prostituído, disfrazado, disimulado… e posto ao servizo de quen manda, de quen nos manda que nos poñamos de pé.

Eu quero xornalistas que se manteñan firmes. En pé, pero pola dignidade do seu oficio.

Comentarios