Opinión

Queirámonos un pouco máis por favor

Vimos asistindo últimamente á presenza nos medios de comunicación de determinadas accións reivindicativas acontecidas en diversas zonas do estado español, accións coas que eu me solidarizo como o fago con todos aqueles pobos e colectivos en loita contra o actual sistema, e esas informacións amplamente espalladas veñen provocando centos de comentarios, opinións e chamamentos nas redes sociais, moitas delas decindo que ese é

Vimos asistindo últimamente á presenza nos medios de comunicación de determinadas accións reivindicativas acontecidas en diversas zonas do estado español, accións coas que eu me solidarizo como o fago con todos aqueles pobos e colectivos en loita contra o actual sistema, e esas informacións amplamente espalladas veñen provocando centos de comentarios, opinións e chamamentos nas redes sociais, moitas delas decindo que ese é o camiño a seguir.

Diante de todo isto debo sinalar o meu desgusto porque unha vez máis sexan determinados medios de comunicación os que marcan a axenda na Galiza, e quen deixan que se lles marque axenda están a confundir a solidariedade co papanatismo; e chámolle papanatismo con todas as letras ás declaracións e chamamentos que se fan na Galiza decindo que son os exemplos a seguir.

Falo da marcha dos mineiros a Madrid, do asalto simbólico a centros comerciais acontecido en Andalucía, ou diso de crear unha Syriza galega, pero hai máis exemplos. É curioso que moitas persoas que coñezo con sensibilidade lle fagan o xogo ao sistema e só comenten aqueles actos que lles pon diante do nariz alguna canle supostamente progre de tv ou algún xornal dos chamados serios, que á hora da verdade non son nin tan progres nin tan serios se investigamos o seu accionarado e os seus negocios.

No estado español hai duas nacións que están na vangarda da loita social e laboral e iso débese a que contan con organizacións sindicais, políticas e sociais cos pes e a cabeza nos intereses dos seus respectivos pobos, unha delas é Galiza e a outra Euskadi.

Na Galiza levamos meses ocupando sucursais bancarias, empresas de traballo temporal e institucións oficiais, iso faino fundamentalmente a CIG e faino o BNG. Mais alguna xente aínda non se deu enterado e pensa que só o fan os de fóra.


"Na Galiza levamos meses ocupando sucursais bancarias, empresas de traballo temporal e institucións oficiais, iso faino fundamentalmente a CIG e faino o BNG"



Na Galiza hai dirixentes e militantes sindicais na maioría dos casos da CIG, condenados a penas de cadea por participar en mobilizacións diversas e nalgún caso co perigo de entrar na cadea en breve. E hai uns días foron xulgados 18 membros da CIG por ocupar unha empresa de traballo temporal. Mais alguna xente aínda non se deu enterado e pensa que iso só acontece fóra.

Na Galiza téñense dado nos últimos anos mobilizacións sociais de masas que nunca se deron noutras partes do estado, e en todas elas estaba o nacionalismo como motor mentres outros poñían pedras. Mais alguna xente aínda non se deu enterado.

No resto do estado español non existe ninguna forza política con presenza social que teña un programa transformador como o do BNG. Mais alguna xente non o debeu ter lido.

Escribiu Celso Emilio en 1968 na súa Viaxe ao país dos ananos que “Nunca virá de fóra remedio ou esperanza” e eu nuns momentos tan complexos como os actuais, nos que a crise sistémica estase a convertir en crise ideolóxica para algúns que botan por terra a súa traxectoria confundindo a súa biografía e o seu ego co país, quero facer un chamamento a que todos os galegos e galegas nos queiramos un pouco máis.

Comentarios