Opinión

Queima e extinción do pobo de Galiza

Extinguido. Extinguido. Extinguido.

    Extinguido.

    Extinguido. Extinguido. Extinguido.

    Extinguido.

Esa é a consigna para a nova etapa histórica. A decisiva. A derradeira.

Completada a doma e castración ven a solución final.

"Hai  dous centos anos Galiza tiña tanta poboación como Cataluña. As aldeas eran –aínda sentindo as poutas desa emigración secular- terras vizosas e cheas de vida"

Cen, dous centos anos, seiscentos, non son nada na vida dun país. Maiormente dun país milenario coma o noso.

Hai  dous centos anos Galiza tiña tanta poboación como Cataluña. As aldeas eran –aínda sentindo as poutas desa emigración secular- terras vizosas e cheas de vida

Hai cento cincuenta, o príncipe Alberto de Mónaco -o cidadán Alberto Grimaldi, impulsor da Oceanografía- visitaba as rías galegas para saber por que mentras a sardiña desaparecera das costas francesas, había tanta fartura dela nas nosa augas. E concluía que, a maiores da riqueza en plancton e nutrientes, o siso organizativo dos mariñeiros galegos para aseguraren a sustentabilidade era fundamental para a conservación e a transmisión desa riqueza.

Hai cincuenta, o país aínda gozaba dunha industria forte (na construción naval, no sector agroalimentario, na enerxía, etc.) que medraba e se propuña novas e ambiciosas metas. E o aforro dos galegos e galegas, amasado con suor e bágoas, permitía proxectos e soños dun mellor mañá.

Trinta e cinco anos son para a Historia un chiscar de ollos, mesmo a maioría das persoas  duplica na súa vida ese periodo. Doadamente poderán elas, ao longo da súa existencia, botar a ollada  tres ducias de anos atrás e lembrar todo como se  acontecese no día anterior.

"Mais ao carón deste mouro porvir, unha luciña de esperanza trata de abrir  un camiño na noite . Recupéranse illas de liberdade".

Pois ben, os estudos demográficos conclúen que a previsión para o horizonte de dous mil cincuenta –dentro de trinta e cinco anos- é que Galiza perda un millón de habitantes, máis dun corenta por cento da súa poboación.

E se unimos a iso a queima inexorábel do noso territorio, a extinción da nación galega pode ser total e máis vertixinosa aínda. Lingua, identidade, natureza, xente… obxectivos ben delimitados e combatidos. Diríase unha planificación sistemática.

Mais ao carón deste mouro porvir, unha luciña de esperanza trata de abrir  un camiño na noite . Recupéranse illas de liberdade. Porén, se non hai unha mudanza cualitativa, unha modificación absoluta, morrerán en flor dun día. Se non se cambia totalmente o rumo do país enteiro o barco hase esfachar necesariamente contra as pedras

"Debe encarar con unión, flexibilidade e pluralismo, o artellamento dun instrumento colectivo que permita a toma de decisións propias co único norte do benestar da maioría".

O momento é decisivo.

Pode o pobo galego seguir mirando apampado para aqueles aos que o noso país lles importa un pito. Que a mocidade galega –nun éxodo fatal- se vexa obrigada a expatriarse e que a terra, erma e morta, quede sen xente non lles preocupa o máis mínimo, son brazos para facer medrar outras terras, cartos para ingresar noutras zonas, sangue nova para inxectar noutras colectividades. Galiza sempre terá boas praias e bo marisco con nativos  submisos e obedientes.

Ou pode tornarse de vez amo de si mesmo, dono do seu porvir e decidir parar esa sangría que o fai esmorecer.

Se tal é a súa vontade, debe encarar con unión, flexibilidade e pluralismo, o artellamento dun instrumento colectivo que permita a toma de decisións propias co único norte do benestar da maioría.  Unha ferramenta para que só os galegos e galegas rixan o seu futuro,  con toda a solidariedade que faga falta con outras terras mais sen ningunha caste de dependencia.

Só así daremos trazado  un vieiro seguro. O único que posibilitará a nosa supervivencia.
 

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios