Opinión

Que vén o lobo!

Levamos meses oíndo citar o lobo, o coco, o papón ou o meco como metáfora da dereita españolista. Aquela machista e xenófoba que quere devolvernos ao ano 36. Mais para Galiza, o lobo, coco, papón ou meco equivale a silencio. Ese é o verdadeiro medo, que, ao igual que na anterior lexislatura –agás honrosas excepcións–, Galiza fique sen voz e non exista.

Galeguizar a campaña resulta fundamental para pór as nosas necesidades e solucións sobre a mesa. Non son poucas

Galeguizar a campaña resulta fundamental para pór as nosas necesidades e solucións sobre a mesa. Non son poucas. Unha radiografía rápida da nación: medio millón de persoas en risco de exclusión; máis de 270.000 persoas obrigadas a emigrar; as segundas pensións máis baixas do Estado; un dos salarios máis baixos a nivel estatal; o caso máis extremo a respecto da fenda salarial; unha caída do 40% da ocupación xuvenil; uns combustíbeis que son dos máis caros do Estado (malia soportar aquí a contaminación dunha refinaría); unha das facturas da luz máis gravosa a nivel estatal (malia sermos un territorio excedentario en enerxía eléctrica e malia sufrirmos aquí o espolio dos nosos recursos) que impide que milleiros de familias poidan prender a calefacción e que poñen empresas na picota…

Hai máis: o calote da AP9 (até cando tanta humillación?); a transferencia de diñeiro público da sanidade pública á privada (Galiza é o territorio do Estado onde máis aumentou a partida para concertos coa privada); unha débeda histórica en materia ferroviaria (leva tanto viaxar de A Coruña á Ferrol que de Madrid a Valencia, unha hora e media; e de Lugo a Compostela como de Londres a París, cinco horas); unha recuperación de emprego que nos deixa nos últimos postos do Estado…

O lobo é obviar Galiza e as necesidades que posúe

Todo isto é o lobo. O lobo é obviar Galiza e as necesidades que posúe. O lobo é carecer de competencias que nos permitan acabar con discriminacións como as que representa o modelo de financiamento local, (cada concello galego recibe 50 euros menos por habitante que a media estatal), e o modelo de financiamento autonómico, que provoca que perdamos 1.500 millóns cada ano. O lobo é non facernos valer e non acreditar en nós mesmas.

A galeguización da campaña tamén serve para acabar coa involución democrática que defenden quen nos queren ás mulleres na casa, ás persoas migrantes fóra, aos homes con pistola no cinto e aos touros bañados en sangue.

Comentarios