Opinión

Que queda das revolucións árabes?

Os resultados electorais en Exipto botan luz encol da chamada “primavera árabe”. A disputa en segunda volta entre o candidato dos Irmáns Musulmáns (IM), Mohamed Mursi, é máis un ex-primeiro ministro do antigo réxime, arroupado polos militares, Ahmed Safiq, amosou claramente os límites das mudanzas, para alén de que se teatralicen as eleccións políticas baixo o estándar occidental.

Os resultados electorais en Exipto botan luz encol da chamada “primavera árabe”. A disputa en segunda volta entre o candidato dos Irmáns Musulmáns (IM), Mohamed Mursi, é máis un ex-primeiro ministro do antigo réxime, arroupado polos militares, Ahmed Safiq, amosou claramente os límites das mudanzas, para alén de que se teatralicen as eleccións políticas baixo o estándar occidental. Aínda que isto último está por ver, xa que o poder xudicial e os militares acaban de dar por rematado o mandato do Parlamento recén electo, rebaixaron as competencias presidenciais, limitaron a uns meses o período de goberno de Mursi, e ficalizarían a nova Constitución. Sobre este baleirado das regras democráticas as potencias occidentais calaron e consentiron.

Na práctica houbo un golpe de estado brando, no que os militares ataron en curto aos IM, a quen ollaban como gañadores das eleccións, non tanto por temor a cambios socio-económicos radicais, xa que Mursi defende políticas neoliberais, como pola finalidade de garantir que as relacións con Israel non van na vía da confrontación. Lembremos que o exército de Exipto é o segundo receptor de achegas de Washington, despois de Israel: mil trescentos millóns de dólares. Un cambio de rumbo significaría un enfrontamento cos Estados Unidos, e cos seus aliados na zona, como Arabia Saudí e Turquía; e agora tamén a Libia.

Os IM combinan desde hai anos unha política asistencial, de beneficencia, coa estrita práctica relixiosa e o neoliberalismo económico. Nestes aspectos non se diferencian moito doutras organizacións confesionais semellantes da área; algunhas delas acadaron un gran éxito electoral nos últimos anos, como en Turquía e recentemente en Tunisia. Os recursos para estas obras de caridade obtéñenos en boa medida de réximes reaccionarios, como os de Arabia Saudí e as monarquías do Golfo. Todos eles son aliados de Washington, polo que, hai que poñer entre interrogantes que cando accedan ao Goberno o seu tradicional discurso contra Israel e os Estados Unidos se concrete en medidas efectivas a prol dos palestinos. Se cadra, unha que outra acción simbólica, sen importancia estratéxica, para o consumo do pobo no país e da esquerda no exterior, como fai Turquía, posibelmente mentres non se torce o brazo de Irán e Siria.

Aínda que as revoltas comezaron en Tunisia, foi en Exipto, polo seu peso demográfico, a súa importancia militar e estratéxica, onde os medios estiveron máis focalizados. As potencias occidentais, encetando polos Estados Unidos, puxeron en xogo todos os seus recursos, non só de presión, senón especialmente os mediáticos, que hoxe son a primeira fronte de batalla. Fíxose da praza Tahrir o único símbolo da rebeldía, restándolle protagonismo ás grandes mobilizacións obreiras e ás forzas da esquerda organizada, malia que levaban anos de loita. Deste xeito escenificouse unha protesta extremadamente fragmentada e conxuntural, como se a “multitude” -sobre a que teorizou Toni Negri- xermolara por fin como o suxeito social e político da revolución. Nesta estrema fragmentación as clases medias xurdían como as protagonistas, alentando a idea de que para mudar un réxime (ou o sistema) era cuestión de novas tecnoloxías, xuventude e mínima organización. Mesmo dábase folgos á idea de que a organización (partidaria ou sindical) era cuestión do pasado, que os movementos, con estruturas flexíbeis e carentes de disciplina, eran a resposta máis axeitada a esta etapa histórica.

Agora óllanse os resultados desta praxe, e podemos comprobar que os grandes beneficiarios foron os partidos sistémicos e confesionais. Mentres que a clase obreira sufría novos ataques (despedimentos, detidos), malia os aires de “primavera” que tanto se gaban no exterior. Non é unha novidade, algo semellante aconteceu coas “asembleas Barrios en Pé” de Bos Aires nas grandes loitas populares do ano 2001. Daquela tamén moitos desprezaron a loita sindical de décadas e as protestas populares anteriores (nas que non participaron ou que non dirixiron), acusándoas de esquemáticas, carentes de comprensión do momento e de non contar cos “novos suxeitos sociais emerxentes”. Porén, estas “asembleas barriais”, que abanearon a situación política, tamén abriron ás portas a un novo reformismo, que recompuxo as alianza sistémicas. O tempo demostrou erradas as valoracións políticas e organizativas triunfalistas, máxime tendo en consideración que este movemento presentouse como un exemplo exitoso da construción revolucionaria.

Algunhas destas grandes mobilizacións de masas foron e son fundamentais. Non pretendo negarlles valor, se contamos coas súas limitacións. Entre elas as que eivan a enorme mobilización da xente e impiden aproveitar axeitadamente condicións obxectivas excepcionais (que non se repiten acotío). Entre os erros a destacar, resulta evidente que non se caracterizou correctamente o suxeito histórico que debía dirixir o cambio, tampouco se adoptou a organización máis axeitada, non se lle deu importancia ao proceso de acumulación e polo tanto ao programa, para mudar a correlación de forzas, xa que se pecou de aventurerismo e espontaneísmo.

Na chamada “primavera árabe” resulta evidente que houbo partidos marxistas, por exemplo en Exipto e Tunisia, que foron críticos con este proceso e destacaron as eivas e os atrancos sociais e políticos aos que se enfrontaba o movemento de masas. Non se lles tivo en conta. Era máis doado e épico pensar que un día ergues do leito e estás ás portas da revolución, que ter que facelo todos os días durante anos para contribuír a acumular forzas para no momento oportuno producir os cambios.

Por outra banda, temos que partir da consideración que non todas as mobilizacións de masas deste tipo, en todo o mundo e conxuntura, se poden caracterizar igual, xa que non teñen a mesma orixe, composición político-social e obxectivos. Sendo así, sería mecanicista concluír que a esquerda debe por principios participar ou non nestas mobilizacións, xa que dependerá de se favorece ou non os intereses populares e serve para acumular forzas (non sempre é así). En calquera caso, da lectura destes procesos debemos tirar conclusións, xa que son aplicábeis na Galiza onde están en auxe movementos semellantes (mais con características propias) e azouta como nunca a crise (reaxuste entre clases e territorios).

Non se pode ignorar que en Exipto e Tunisia as transformacións non teñen porque estar concluídas nesta etapa. Agora ben, para poder realizar cambios sistémicos deberán ter como protagonista central á clase traballadora. Por último destacar que este tipo de procesos existiron en todas as épocas históricas e sobre eles hai análises abondo.


Manuel Mera

Comentarios