Opinión

Que envexa, Rosa!

A Rosa Bassave, anarquista galega11 S, Diada de Catalunya: agora mesmiño, a xente asulaga o centro de Barcelona; avanza, coma unha torrenteira ceibe e desordenada, polo medio e medio do Passeig de Gràcia, da Rambla de Catalunya, da Gran Vía, da Vía Laietana, apropiándose da cidade.

A Rosa Bassave, anarquista galega

11 S, Diada de Catalunya: agora mesmiño, a xente asulaga o centro de Barcelona; avanza, coma unha torrenteira ceibe e desordenada, polo medio e medio do Passeig de Gràcia, da Rambla de Catalunya, da Gran Vía, da Vía Laietana, apropiándose da cidade. Homes e mulleres, coñecidos uns e anónimos outros, marchan coas súas “esteladas” e cos seus cartaces feitos sen permiso de ninguén; moitos e moitas co sorriso compartido de quen sabe que vai vivir un feito irrepetible: a toma de conciencia da propia forza, de saber que xuntos, sen amos, somos capaces de todo. Mesmo de mudar as nosas vidas. Nun intre así, coma un lóstrego, todo o mundo síntese máis digno e soberano, acredor dun futuro que se presume mellor: homes e mulleres ceibes, nunha nación liberada do medo e da miseria que nos trae o mal vento da “troika” infame....

Non sei porqué será, pero neste intre téñoche presente, Rosa, e tamén ao teu compañeiro (verba agarimosa, hoxe chea de sentido) Alberte “O Roxo”, anarquista coma ti. E sinto envexa, por non poder vivir na Galiza algo semellante e compartilo contigo e con outra moita xente. Xa sei que nin ti estabas, Rosa, nin tampouco os teus compas están por construír ningún estado, nin catalán, nin galego nin, menos aínda, español. Pero, nun día así, no que por Catalunya paira a embriaguez de albiscar que todo semella posíbel, cunha cidadanía que desborda gobernos, partidos e sindicatos e sitúa “as tarefas comúns” por riba de toda diferenza de idearios, quixera pensar que ti tamén serías cómplice deste fuxidío intre de felicidade; se acaso un anaco daquel “Paraíso ahora” ao que cantaba Pablo Guerrero hai xa ben tempo e que, por estes pagos, até agora nunca puidemos desfrutar.

Nestes, por eiquí, días tristeiros (agora escurecidos moito máis pola túa marcha), nos que, por un prosaico oportunismo electoral, hai quén decide trocar a soberana capacidade de se autoorganizar por unha nada fiable escenografía estatal, acredito que non é posíbel construír unha Galiza de seu onde non haxa explotadas e explotados, sen os que, coma ti, formades parte da propia xeografía rebelde e que, dende distintas maneiras de pensar mais tamén dende o compromiso coas nosas xentes e coa Humanidade enteira, non concordades cun escenario de loita política, social e cultural autocentrada no noso país.

Compre, pois, tender pontes para que, transmutando en riqueza a nosa diversidade, uns e outros poidamos avanzar xuntos formando parte, como hoxe acontece en Barcelona, da emocionante e imparable maré do pobo en libertario exercicio dos seus dereitos.

Na túa lembranza.

Dionísio Pereira

Comentarios